Caballero defende en Valença “borrar fronteiras” para impulsar a economía e a mobilidade
O alcalde de Vigo participou este venres en Valença na xornada «Rota pelo Interior e Cooperação Transfronteiriça», organizada polo Partido Socialista portugués, onde defendeu unha maior integración entre Galicia e o norte de Portugal e reclamou avanzar nos grandes proxectos compartidos de mobilidade, economía, innovación e cohesión territorial. Abel Caballero interveu no panel sobre cohesión territorial, fondos europeos e cooperación transfronteiriza xunto á excomisaria europea Elisa Ferreira e a profesora da Universidade do Porto Teresa Sá Marques. O secretario xeral do PS de Portugal foi o encargado de clausurar o evento.
Caballero partiu da súa propia experiencia persoal para reflexionar sobre a transformación experimentada pola fronteira do Miño. O alcalde lembrou que viviu os seus primeiros anos en Tui, contemplando desde a súa casa a outra beira do río, nun momento no que a ponte internacional funcionaba máis como unha separación entre ambos territorios que como unha vía de unión. “As fronteiras foron historicamente unha forma de evitar que os seres humanos puidesen relacionarse libremente”, sinalou.
Na súa intervención, o rexedor vigués defendeu o papel da política como ferramenta para mellorar a vida das persoas e destacou a importancia de encontros que reúnen responsables públicos portugueses e galegos para abordar conxuntamente os desafíos das zonas fronteirizas. Caballero incidiu en que Galicia e o norte de Portugal seguen mantendo dinámicas excesivamente vinculadas aos seus respectivos Estados e reclamou intensificar as relacións económicas, sociais e laborais entre ambos lados da fronteira.
“Temos que ir xuntos. A cooperación transfronteiriza non alcanzou aínda todo o seu nivel de percorrido”, afirmou, incidindo na necesidade de aumentar o número de persoas que traballan, emprenden ou desenvolven proxectos indistintamente a ambos lados da Raia.
Alta velocidade e aeroportos como proxectos compartidos
Caballero situou as comunicacións entre Vigo e Porto como un dos grandes retos pendentes da cooperación entre Galicia e Portugal. O alcalde reclamou impulsar definitivamente o tren de alta velocidade entre Vigo e Porto, considerando insuficientes as conexións actuais entre dúas áreas urbanas separadas por apenas arredor de 150 quilómetros. O rexedor avogou tamén por unha visión conxunta das infraestruturas aeroportuarias. Puxo como exemplo o uso habitual do aeroporto de Vigo por parte da cidadanía do norte de Portugal para voar a Madrid e, ao mesmo tempo, o emprego do aeroporto de Porto por numerosos vigueses e viguesas, defendendo que esta complementariedade debe entenderse como unha oportunidade para todo o territorio.
Caballero reclamou ademais recuperar proxectos conxuntos de innovación e desenvolvemento tecnolóxico e avanzar cara a unha verdadeira área económica transfronteiriza. “Cando nos unimos e borramos fronteiras, a economía funciona mellor. Non é un risco, é unha oportunidade”, concluíu.
A xornada contou coa participación, entre outros, do presidente da Câmara Municipal de Valença, José Manuel Carpinteira; do alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; do presidente da Câmara Municipal de Viana do Castelo, Luís Nobre; do deputado á Assembleia da República Nuno Fazenda; e do secretario xeral do Partido Socialista portugués, José Luís Carneiro, encargado da clausura do encontro.