Vigo licita a exposición belenística para o Nadal
A proposta para o Nadal incluirá tamén un Belén infantil, exposicións fotográficas, escenas individuais, visitas guiadas e un photocall
O alcalde anunciou que o Concello vai licitar a realización dunha exposición belenística na Casa das Artes para o Nadal 2026-2027, que terá como peza central un Belén monumental de preto de 100 metros cadrados. A proposta completarase cun Belén infantil, unha zona de exposición fotográfica, un percorrido con escenas individuais e un photocall. O investimento é de preto de 100.000 euros.
Caballero explicou que o Belén monumental terá un carácter pedagóxico e didáctico e incorporará elementos representativos da paisaxe, o patrimonio e a historia de Vigo. Entre as posibles representacións figuran unha lonxa de peixe, a fachada románica dunha igrexa, unha fonte ornamental, un dolmen, petróglifos, salinas, cesteiros, un muíño ou un lavadoiro. O proxecto deberá incluír, como mínimo, cinco elementos vinculados á cidade.
O conxunto da exposición contará ademais cun Belén infantil de 40 metros cadrados, no que estarán representadas algunhas das pasaxes máis coñecidas do Nadal, e cunha exposición de polo menos 30 fotografías integradas nunha recreación de ambiente belenístico. As escenas individuais formarán tamén parte do itinerario deseñado para os visitantes.
O Concello organizará igualmente visitas guiadas para achegar ao público os diferentes contidos da mostra. “Seguimos facendo o mellor Nadal do planeta”, afirmou Caballero ao presentar a nova proposta.