Escoitar

O luns remata o prazo de inscrición para o concurso de comparsas

O próximo luns, día 16 de febreiro, remata o prazo de inscrición para o concurso de comparsas que se celebrará co gallo das festas do entroido que, un ano máis, organiza a concellería de Festas e Animación Sociocultural. As comparsas que concorran terán que participar nos desfiles do día 21 de febreiro, e no enterro do Meco, o 25 de febreiro, e contar cun mínimo de 20 integrantes.

xoves, 12 feb 2004
1076594428entroido.jpg
Entroido
A concentración das comparsas farase na rúa Venezuela o sábado día 21 de febreiro ás 17'00 horas, para comezar o desfile ás 18'00 horas, e que se realizará polas rúas: Camelias – Álvaro Cunqueiro (marxe dereita) – Camelias – Praza de América, rematando diante do IMD.

O concelleiro de Festas, Ignacio López Chaves, presidirá o xurado, no que haberá catro persoas vencellas ó humorismo, aos medios de comunicación, ao mundo da cultura e da comisión organizadora do entroido. Para faver a súa valoración , este xutado presentará unha especial atención ao número de membros, ao vestiario e á orixinalidade, así como á presencia de elementos complementarios na súa actuación.

O primeiro premio do concurso estará dotado con 2.400 euros, e entregaranse tamén un segundo premio de 1.800 euros e un terceiro de 1.200 euros. Asimesmo, haberá un premio especial de 600 euros á comparsa máis festeira, e 20 accésit de 600 euros cada un.

Pola outra banda, o día 25 de febreiro, entregarase un único premio no desfile do enterro do Meco, que será de 750 euros, á comparsa mellor caracterizada. Para optar a este recoñecemento, os integrantes da comparsa deberán vestir de loito rigoroso, é dicir, con prendas de cor negra ou morada na súa totalidade. Ó remate deste desfile, na praza de América, coñecerase a decisión do xurado.
Descargar todas as imaxes