O alcalde presenta a Guía Xurídica sobre Saúde Mental
O Concello apoia a difusión do documento elaborado pola Fundación Salma para animar ás persoas con problemas de saúde mental e a quen lles apoia a exercer os seus dereitos legais, sociais e económicos ante as administracións públicas. A guía será presentada no Museo Marco o xoves 4 de xuño nunha sesión formativa dirixida aos profesionais dos ámbitos xurídico, social e do terceiro sector de Vigo.
O alcalde afirmou que a abordaxe das enfermidades mentais “é moito máis que un problema de saúde” por ser un tema social “de integración e de dereitos das persoas e das familias con algún problema” polo que chama a “dar pasos en todas as direccións”, como a redacción da Guía Xurídica sobre Saúde Mental.
Caballero avogou polo recoñecemento dos dereitos, amais de asegurar un tratamento sanitario e propiciar a integración social e laboral dos afectados. “Temos que buscar unha forma para que as persoas con problemas de saúde mental non sexan apartados da sociedade e quitar a segregación negativa”.
Caballero destacou ante a concelleira de Política Social, Yolanda Aguiar, e ante os autores do documento: Laura Rivas Cao, Vanesa Cruz Campos, Francisca Fernández Prol, Cristina Prado Gómez, Jessica Lavandeira, Claudia Robles, Julio Ransés e Ana González, o “salto cualitativo que representa a guía” para reclamar dereitos e conseguir que a sociedade civil “eleve o seu nivel de esixencia democrática” ante as administracións responsables da saúde.
A presidenta da Fundación Salma Galicia, Ana González, explicou que o obxectivo da guía é propiciar un cambio de paradigma para conseguir o amparo da lei ante o desamparo das administracións coas persoas con problemas. “A saúde mental é a irmá pobre da consellería de Sanidade“, afirmou Ana González.
Julio Ransés, inspector de Facenda do Estado, remarcou que ante o custo económico e as consecuencias sociais e laborais que implican abordar o tratamento dos afectados, “non é razoable, nin eficiente desde o punto de vista social, nin ético nin inclusivo, que non se dean solucións desde as administracións públicas” aos problemas de saúde mental. Avanzou que a guía facilita “coñecer todos os instrumentos , como as axudas fiscais, e dereitos e instrumentos que posúen, xa que non se poden exercer se non os coñecemos”. Incidiu en que o obxectivo é “visibilizar o problema e contribuír a que as solucións sexan coñecidas por todos para ir gañando aos poucos as batallas contra as enfermidades mentais”.