O Concello reclamará un novo deseño urbano no Ofimático con máis dotacións e mellor mobilidade
O alcalde anunciou que presentará alegacións á aprobación inicial do Proxecto de Interese Autonómico e advirte de que a proposta da Xunta aumenta a edificabilidade sen máis zonas verdes e carece de espazos dotacionais. Tamén advertiu de que, ao ritmo actual, estas vivendas non estarán dispoñibles ata finais da década de 2030 ou incluso no 2040.
Abel Caballero subliñou que foi precisamente a presión municipal a que obrigou á Xunta a rectificar o documento inicial, eliminando as fases de execución que priorizaban a vivenda libre. Aínda así, Caballero mantén a súa desconfianza sobre o fondo da operación e que no futuro priorizarán a vivenda privada.
O rexedor denunciou tamén “contradicións moi importantes” no novo texto, entre elas o incremento do 10% da edificabilidade mantendo os mesmos espazos verdes e de cesión, algo que, advertiu, reducirá a calidade de vida das futuras persoas residentes. Na mesma liña, criticou que as alturas máximas pasen de seis a doce plantas sen ningunha xustificación técnica.
Caballero reclamou un ámbito aberto, con zonas verdes públicas, permeabilidade coa contorna e maior integración social. Nese sentido, cualificou de insuficientes unhas beirarrúas de dous metros e defendeu que deberían duplicarse ata os catro para garantir espazo suficiente ás familias e á mobilidade peonil.
Outro dos puntos de confrontación é a conexión coa Avenida de Madrid. Caballero expresou a súa oposición frontal a esa solución polo risco de saturar o tráfico. Fronte a iso, reclamou un sistema que contemple con rigor a capacidade viaria e que incorpore conexións con Ceboleira e Martínez Garrido, hoxe ausentes do proxecto. Xunto a isto, esixiu que se maximicen os requisitos dotacionais para atender ás necesidades educativas, deportivas, socioculturais e sanitarias tanto da nova poboación como da veciñanza de Lavadores e do conxunto de Vigo.
Na proposta que defende o Concello, Caballero considera imprescindibles máis equipamentos, entre eles dous pavillóns deportivos, espazos para asociacións, un auditorio ou unha zona para concertos.