Caballero insta a Louzán a que a FIFA visite o estadio de Balaídos de forma inmediata
O rexedor explicou esta mañá que “Vigo vai ser sede do Mundial 2030 porque o gañamos cun proxecto magnífico e imbatible”. Tamén sinalou que “reclamamos o noso dereito non porque se vaian Málaga e A Coruña, senón porque o gañamos inicialmente a pesar de todas as trampas”.
O alcal de Vigo defendeu novamente as fortalezas da candidatura de Vigo como cidade sede para o Mundial 2030, sinalando que “Vigo gañou no proceso de preselección e ten o dereito a ser sede” xa que “presentamos un proxecto excepcional deseñado ao detalle cun aforo de 43.000 persoas”. O alcalde recordou que se trata “dun proxecto imbatible” que estaba entre “as 11 sedes seleccionadas”.
“Vigo gañou na selección para ser sede do mundial, pero despois empezaron as irregularidades e toda a presión que Louzán mobilizou para que Vigo non fose cidade elixida”, continuou o primeiro edil vigués, recordando o cambio da puntuación para que “San Sebastián adiantase a Vigo”. “Tivemos a Louzán maquinando e dicindo, dende o estadio de Riazor, que Vigo perdera” e asegurou que “coas proposta do Consello Superior de Deportes, Vigo sería imbatiblemente sede”.
O rexedor tamén fixo fincapé no papel do goberno galego neste proceso, explicando que “o actual conselleiro de Deportes, deputado por Coruña, chegou a dicir que Vigo tiña posibles deficiencias e que non tiña influencia para estar no mundial”. Tamén sinalou que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, non defendeu a cidade ante os agravios do proceso. “Vigo vai ser sede malia que a Xunta e a Deputación sigan dicindo que non pagan. Din que non pagan ata que sexamos sede, e Louzán di que non somos sede porque non facemos a reforma”, sentenciou.
Finalmente, Abel Caballero esixiulle a Louzán “que traia á FIFA a ver o estadio de Vigo de forma inmediata esta mesma semana para que vexan as obras e o proxecto dos 43.000 espectadores. Nós cumprimos”. Tamén sinalou que “Vigo vai ser sede do Mundial 2030" e que “reclamamos o noso dereito non porque renuncien Málaga e A Coruña, senón porque o gañamos inicialmente a pesar de todas as trampas”.