Escoitar

Turismo presenta a oferta turística da cidade en Lisboa

A Concellería de Turismo, que dirixe Lucía Molares, presentará a partir do vindeiro día 21 en Lisboa a oferta turística da cidade de Vigo, no contexto da feira turística máis importante de Portugal.

venres, 16 xan 2004
No Parque das Nacións abrirá o vindeiro día 21 as súas portas a Bolsa de Turismo de Lisboa, que constitúe una oportunidade para que os profesionais do turismo poidan establecer os seus contactos e se poida amosar a oferta turística diante de máis de 60.000 visitantes.

Turismo de Vigo acudirá a esta cita do sector baixo o pavillón de Turgalicia, cun espacio promocional de 9 m2, onde estará represetanda toda a oferta de productos turísticos da cidade.

A Concellería de Turismo aposta neste foro por unha oferta atractiva de turismo de cidades, tendo en conta que o público portugués é un dos mercados obxectivos máis interesantes, xa que segundo datos do IGE máis de 3.000.000 de visitantes, excursionistas e turistas cruzaron a fronteira portuguesa o pasado ano.

Turismo de Vigo cursou unha invitación a todos os representantes do sector da cidade para ofrecer o espacio institucional para a levar a cabo contactos de carácter profesional. Asemade, foi remitido un amplio dossier da cidade, con folletos promocionais, a todas as axencias de viaxes, turoperadores, prensa especializada que operan no país veciño, aproveitando a ocasión para que coñezan a oferta de Vigo no pavillón da BTL.

Participan como expositores nesta feira hoteis, aloxamentos turísticos, servicios de hostaleria, operadores turísticos e axencias de viaxes, organismos nacionais e internacionais, turismo de congresos, turismo deportivo, de natureza e aventura, así como prensa especializada.

A Concellería de Turismo aproveitará a presencia neste foro de máis de 30.000 profesionais, 700 expositores nacionais e 3.000 estranxeiros, para presentar a campaña promocional de Turismo de Vigo, que sustentada na imaxe de marca "Vigo, unha cidade todo un mundo" se dará a coñecer con novas propostas. Incidirase especialmente en promocionar a cidade como sede de importantísimos eventos como a Copa do

Mundo de Vela no ano 2005, o Concurso de Saltos Internacional, así como toda a programación prevista co gallo do Xacobeo.

Asemade, Turismo de Vigo, quere facer especial fincapé na oferta comercial e de ocio da cidade, trasladando á BTL a amplia oferta de áreas comerciais, distribuida por zonas xeográficas.

A importancia do mercado portugués ven determinada porque, segundo as estatísticas, os cidadáns residentes en Madrid e os residentes en Portugal, constituiron durante o pasado ano os principais clientes turísticos da cidade de Vigo.

A presencia da cidade de Vigo na Bolsa de Turismo de Lisboa responde, ademais, a unha estratexia para consolidar os éxitos obtidos pola promoción iniciada xa hai dous anos nas cidades máis importantes de Portugal. Turismo de Vigo continuará este ano coa oficina de turismo itinerante que percorrerá as principais cidades do norte de España e as cidades de Oporto, Braga, Bragança e Lisboa.