Escoitar

O alcalde valora a suba dun 2,4% dos viaxeiros no aeroporto vigués en decembro

Abel Caballero deu conta dos datos rexistrados na terminal olívica no último mes de 2025 e reiterou a proposta á Xunta e á Deputación de Pontevedra para financiar a terzos voos “a Londres, París ou Milán”

martes, 13 xan 2026

“Novo aumento de viaxeiros no aeroporto de Vigo”, comezou Caballero, expoñendo que no mes de decembro subiu un 2,4%, “un dato moi significativo que contradí a quen sostén que o aeroporto está desolado”. A terminal olívica pecha o ano con 1.114.810 viaxeiros, “un resultado moi positivo polo que o Concello seguirá loitando”, afirmou.

O alcalde lembrou amais a súa proposta formal á Xunta de Galicia e á Deputación de Pontevedra para financiar a terzos os voos que AENA recolle no seu estudo de destinos viables. “No caso de ser necesario, o Concello está disposto a apoiar voos como Londres, París ou Milán, ademais de rutas en España, repartindo o custo en tres partes iguais”. “Ao mesmo tempo, esiximos á Xunta que faga públicos os seus contratos publicitarios a través de Turgalicia”, afirmou Caballero, sinalando que “durante anos financiaron con millóns de euros voos en Santiago e queremos saber canto se pagou porque ese diñeiro débenllo a Vigo”.

 

Descargar todas as imaxes