Caballero esixe por carta ao ministro de Dereitos Sociais a conexión de Vigo por bus para os usuarios de Imserso
O alcalde anunciou este xoves que envía unha carta ao ministro de Dereitos Sociais, Consumo, e Axenda 2030 esixíndolle que cambie o criterio e o procedemento das viaxes do Imserso para que os viaxeiros de Vigo conten con traslado en autobús ata o aeroporto de Santiago de Compostela.

Abel Caballero recalcou hoxe que os viaxeiros da cidade Pontevedra que participan nos programas do Imserso, e que teñen como punto de referencia ao aeroporto de Santiago de Compostela, contan con traslado en autobús ata Lavacolla como consecuencia de que segue en vigor o “esquema decimonónico” de que é a capital da provincia a pesar de que a capitalidade por poboación correspóndelle a Vigo.
O alcalde incidiu en que non nega o dereito dos pontevedreses ao servizo de transporte e insiste en que os autobuses tamén deben saír desde Vigo. “Os autobuses deben saír desde Vigo a Pontevedra e a Santiago e no retorno, Santiago, Pontevedra, Vigo” e iso “evitaría que un número moi importante de persoas queden tiradas a altas horas da madrugada en Pontevedra, sen ningunha posibilidade de poder viaxar porque non teñan autobús”. Caballero insistiu na esixencia ao ministro de Dereitos Sociais que cambie o sistema actual. “As viaxes a Santiago deben ter saída e chegada a Vigo para coller os avións”, incidiu.