Escoitar

O Goberno municipal licita a construción e xestión de 27 vivendas de protección en Esturáns

O alcalde deu conta da próxima licitación do contrato que permitirá construír e xestionar 27 vivendas protexidas en réxime de alugueiro a prezo taxado. O Concello pon a disposición o solo de xeito gratuíto e, finalizado o período de 50 anos de concesión, o edificio pasará a ser propiedade municipal.

xoves, 22 mai 2025

O Goberno local avanza no proceso de construción de vivendas protexidas en réxime de alugueiro taxado en Esturáns. A Xerencia de Urbanismo aprobará semana que vén o prego de prescricións técnicas e económico administrativas para a construción de 27 vivendas nese ámbito.

Tal e como explicou o rexedor, o Concello licitará un contrato que permitirá conceder un dereito de superficie durante 50 anos a unha empresa/cooperativa. A adxudicataria terá que construír o edificio, seguindo o proxecto básico xa redactado, e xestionar o arrendamento das 27 vivendas durante 50 anos.

A empresa será a beneficiaria dunha achega de 1,2 millóns de euros que lle concederon ao Concello procedente de fondos europeos dentro do Programa de axudas á construción de vivendas en alugueiro social en edificios enerxeticamente eficientes do Plan de Recuperación NextGenerationEU.

O Concello pon a disposición o solo de xeito gratuíto co obxectivo de abaratar os custos de edificación e, polo tanto, os prezos de alugueiro das vivendas. Finalizado o período de explotación, o edificio pasará a ser propiedade municipal.

Axudas de emerxencia

O Concello aprobou esta semana 55 axudas de emerxencia por valor de preto de 18.000 euros. Do total de achegas, detallou Caballero, 30 foron para alimentación, 14 para vivenda, 7 para subministros e 4 para gastos sanitarios. Desde principios de ano concedéronse xa 1.429 vivendas por valor de 437.000 euros.

 

Descargar todas as imaxes