O Vigo Dance Festival reunirá a 780 bailaríns no Auditorio Mar de Vigo
O sábado 24 e o domingo 25 de maio terá lugar o primeiro festival de danza multidisciplinar ao que están convidados todas as escolas e grupos vigueses, que poderán participar de xeito gratuíto.

Abel Caballero comezou explicando que “queremos ofrecer alternativas de ocio e unha nova forma de sentir a cultura da danza e da música”. O Vigo Dance Festival é o primeiro festival multidisciplinar de danza na cidade, que acollerá escolas de baile, asociacións veciñais e grupos profesionais de danza (que realizan danza clásica, moderna, hip hop, tango e latino, entre outros).
Durante os días 24 e 25 de maio o Auditorio Mar de Vigo acollerá a 780 bailaríns distribuídos en 77 grupos. O espectáculo comenza o sábado ás 16:00 horas e rematará ás 20:00 horas, mentres que na xornada do domingo terá sesión de mañá (11:00 a 13:30 horas) e de tarde (16:00 a 20:00 horas). Caballero tamén avanzou que o festival contará con outra edición no outono e destacou o aporte do ente municipal con 64.900 euros para a realización do evento.