Escoitar

Xornadas de democracia participativa

A concellería de Participación Cidadá ten programadas unhas xornadas sobre Democracia Participativa que se realizarán o mes de febreiro do próximo ano. Como paso previo ás xornadas celebraranse os meses de decembro e xaneiro un proceso de preparación , reflexión e dinamización asociativa e cidadá.

luns, 1 dec 2003
A democracia participativa é unhas das principais vías de innovación no exercicio da política a nivel local. Para que o debate sobre as necesidades e posibilidades de fórmulas de democracia participativa non se circunscriba unicamente aos días das xornadas, e para que non sexa unha iniciativa deseñada e programada polo concello en solitario, ábrese nestes días un proceso de dinamización orientado fundamentalmente ás entidades asociativas do municipio. Os debates terán lugar no Centro Cívico do Casco Vello.

Os obxectivos perseguidos son partir das inquedanzas dos colectivos da cidade, incorporar as experiencias e perspectivas do asociacionismo veciñal e do tecido asociativo en xeral, favorecer a difusión de documentación e experiencias de interese e abrir espacios de encontro e traballo onde ir contrastando opinións, perspectivas, valoracións e problemas en relación ás posibilidades da democracia participativa.

Este proxecto previo terá unha duración de tres meses e aséntase fundamentalmente na conformación de dous grupos de traballo. Un deles pretende dar cabida á perspectiva do movemento veciñal da cidade, movemento que ten na súa traxectoria histórica a impronta das reivindicacións dun modelo de democracia participativa. O outro quere acoller a membros do movemento asociativo en xeral, que en Vigo presenta unha dinámica moi activa. Estes grupos manterán reunións que permitirán a valoración das experiencias xa desenvolvidas, a identificación dos principais problemas para achegarse a un modelo participativo e a formulación de propostas e ideas para levar adiante no noso municipio.

Ademais da implicación do tecido asociativo, formúlase a necesidade de incorporar outras visións fundamentais no proceso: por exemplo, a visión técnica (dos profesionais da administración local), e a da cidadanía non organizada.