O goberno local inicia o proceso de recepción de propostas para os concertos de Castrelos
O goberno local abriu o proceso para que as empresas presenten as súas ofertas de actuacións para Castrelos en 2025 que “vai ser o mellor da historia”. Caballero avanzou esta mañá a publicación das bases na páxina web municipal.

O alcalde deu conta do inicio do expediente para a convocatoria pública da selección de actuacións en Castrelos 2025. O primeiro paso será a publicación na páxina web municipal das bases cos requisitos que deben reunir as propostas artísticas que presenten as distintas empresas interesadas.
Poderán ser actuacións musicais, de danza, teatro, circo, maxia e outras artes escénicas, tanto nacionais como internacionais. Teñen que ter interese xeral e dar cobertura á maior diversidade de público obxectivo, como mínimo a 15.000 persoas. O espectáculo, ademais, deberá adaptarse ao espazo e ás características técnicas do Auditorio de Castrelos.