O 010 prestou case 20.000 servizos telefónicos ao longo do mes de outubro
O servizo de atención telefónica do Concello recibiu case 20.000 chamadas durante o mes de outubro. A maior parte das interaccións foron para solicitar información sobre actividades, cursos, eventos ou trámites municipais.
O alcalde avanzou esta mañá que o 010 prestou no mes de outubro 19.820 servizos, dos que 12.706 correspóndense con chamadas telefónicas solicitando información sobre actividades, cursos, eventos, censo ou trámites municipais. Este servizo, así mesmo, realizou 7.114 xestións, das que a meirande parte foron avisos, felicitacións ou suxestións.
Caballero lembrou que xa está en funcionamento o servizo de vídeo interpretación en lingua de signos no 010. Préstase, dixo, por medio dunha plataforma online denominada SVisual na que dispoñen dun intérprete de LSE en remoto para traducir a conversión entre ambas partes, persoa xorda e intérprete. O acceso á plataforma pódese realizar online desde a web do Concello ou a través dun dispositivo na Oficina do 010.