Escoitar

Caballero adianta a saída a exposición pública do trazado da autovía Vigo – Madrid en túnel

O alcalde mantivo unha xuntanza co director xeral de Estradas do Goberno de España na que avanzaron que as “próximas semanas” estará publicada a exposición pública do proxecto da autovía en túnel Vigo – Madrid. Concello de Vigo e Goberno de España tamén inician os traballos “a fondo” para a humanización da AP-9 en distintos tramos ao seu paso por Teis e converter o tramo final de acceso da autoestrada á cidade nun tramo urbano. Caballero e Fernández Palomino avanzan no proxecto para a redución dos ruídos na VG-20.

martes, 8 out 2024

Avances na futura autovía Vigo – Madrid directa en túnel. Caballero manifestou que o director xeral de Estradas anunciou, tras a xuntanza mantida entre ambos os mandatarios, que “as próximas semanas” sairá a exposición pública o trazado da autovía Vigo – Madrid en túnel. “Comezará a exposición pública para a posterior declaración de impacto ambiental, que se vai a aprobar”, explicou Caballero.

O Ministerio de Transportes contempla tres trazados. Concello e goberno central manifestaron o seu acordo no trazado de máis de 4,5km en túnel, desde Baruxáns ata a súa conexión coa A-52.

“O Goberno de España está a cumprir con Vigo, coa firme e convencida vontade de facer a autovía. Resolvemos un problema importante, a falta de autovía directa, que supón conducir polas curvas de Tameiga, sinistros, limitación de velocidade a 60km/h... Damos un paso moi importante e ímolo conseguir”, declarou o alcalde.

Humanización da AP9

Na xuntanza celebrada este martes, o alcalde abordou con Juan Pedro Fernández Palomino, o director xeral de Estradas do Goberno de España, a humanización da AP-9 no seu percorrido por Vigo e a “necesidade de facelo máis facilmente transversalizable”, de maneira que se poidan comunicar ámbolos lados da vía con tramos cubertos na parte urbana.

Tal e como informou Caballero, o Ministerio conta cun estudo que recolle os puntos de cubrición da autoestrada en zonas como Trapa, os institutos e a chegada a Buenos Aires en Teis, a parte final de Vialia ou a conexión con Alfonso XIII “coa visualización de manter o tráfico fluído na autoestrada cambiando a actual situación na que unhas vías estreitas nun paso elevado establecen conexións imposible entre zonas de Teis”.

O alcalde valora que o Ministerio “teña o estudo xa, cumprindo co que propuxeran” e que o documento recolla que “partes importantes, de 100 ou 150 metros, vaian ser cubertas” así como a forma de acceso final, na que segundo avanza, entrará o Concello, na zona previa a Vialia e ata Alfonso XIII “coa visión de facer diso un tramo urbano”. Así, conclúe Caballero, “sobre este traballo inicial comezamos o traballo a fondo en cooperación o Ministerio, a dirección xeral de Estradas e o Concello para a humanización da autoestrada na súa entrada e paso por Vigo”.

Tamén puxo en valor o rexedor a “enorme sensibilidade” trasladada por Fernández Palomino ante a importancia de “humanizar tramos enteiros da AP9, de facer un esforzo especial na eliminación dos ruídos para as vivendas e na utilización dos espazos laterais da autoestrada así como na idea de conectar a propia humanización e a Vía Verde”.

VG-20

Unha vez contemplada a eliminación de ruídos na AP9, Caballero propuxo atender simultaneamente a situación da VG-20 a seu paso por Navia. Tal e como explicou, o Ministerio confirmou que está elaborando o estudio e avanzou a súa vontade para que o prazo sexa “razonablemente breve”. “Entenderon perfectamente as dificultades que supón en Navia”, dixo, e en consecuencia van propoñer unha solución moi pronto para unha redución dunha parte moi importante das molestias sonoras da VG20, concluíu.

 

Descargar todas as imaxes