Escoitar

Música, cine e actividades para tódolos públicos no “The Wild”, festival da natureza

O concelleiro de Cultura, Gorka Gómez, participou este mércores xunto á organización, na presentación do programa do evento, que se celebra entre o 30 de agosto e o 1 de setembro, no Parque Forestal de San Miguel de Oia.

mércores, 21 ago 2024
Momento da presentación do "The Wild Fest"
Momento da presentación do "The Wild Fest"

A sexta edición do festival de música, cine e natureza “The Wild Fest” desenvólvese do 30 de agosto ao 1 de setembro coa concienciación medioambiental como sinal de identidade. Un aspecto que destacou o edil de Cultura, Gorka Gómez, durante a presentación do evento, na que participaron os organizadores Juan Pablo Pérez, Juan de Castro e Oscar Gallego e o presidente da Comunidade de Montes, Manuel Giráldez Pequeño.

Para Gorka Gómez “o corazón do evento é o coidado do medioambiente, un dos bens máis importantes que temos” e que é posible promover desde un espazo como o Parque Forestal de San Miguel de Oia nunha fin de semana festiva “na que a xente se achega ao monte e coñece diferentes actividades, grupos locais, cine ao aire libre e a nosa marabillosa contorna”. O concelleiro de Cultura convidou á cidadanía viguesa a achegarse a “The Wild Fest” e agradeceu o traballo e o esforzo á organización e á comunidade de montes.

Programación

O rock é o protagonista do cartel e o ambiente tranquilo e familiar un dos seus grandes atractivos. Julián Maeso, Dakidarría, Moura e Moonshine Wagon serán o prato forte do certame na noite do sábado 31 de agosto. O apartado musical complétase con concertos en horario vermú o sábado, con A Polémica Banda dos Bechuchos, e o domingo, con Mad Martin Trío.

Ademais, tal e como resaltou Juan Pablo Pérez, organizador do evento, o festival revalida o seu apoio ás bandas galegas e emerxentes coa celebración da segunda edición do concurso de bandas Salvaxesons. O venres 30 de agosto celebrarase no festival a final do concurso, na que participan Sanny, Law, The Kelly Kelly’s, Superglú e The Broke. Un xurado decidirá o grupo gañador e outorgará un segundo e terceiro premio.

O encontro complétase con actividades familiares e Orientaventura, unha xincana de orientación polo monte, que esgota prazas en cada edición. Como cada ano, o domingo 1 de setembro será a xornada máis orientada ao público infantil, con actividades familiares todo o día e a actuación de Globotolo, que deixará abraiados aos máis pequenos facendo figuras imposibles con globos e divertidos gags. Ao longo destes tres días tamén se poderá gozar de artesanía e de propostas gastronómicas.

The Wild Fest chega á súa sexta edición afianzándose como un dos festivais máis singulares de Galicia. Ademais da actuación dunha ducia de bandas nacionais, o festival chama a atención por celebrar The Wild Cinema, un festival de cinema medioambiental que proxectará máis dunha vintena de curtas internacionais que reflicten o coidado, beleza e perigos aos que o ser humano somete á natureza.

As entradas están dispoñibles na web do festival cun prezo de 25 euros para a xornada do sábado 31 de agosto, cando se celebrarán os concertos de Julián Maeso, Dakidarría, Moura e Moonshine Wagon, entre outros. Os nenos menores de 14 anos entran de forma gratuíta todos os días e non necesitan reservar a entrada.

Para as persoas que desexen pasar a noite, o festival habilita unha zona de descanso na que acampar por un custo extra de 5,00 € por persoa. Como na pasada edición, tamén haberá unha área reservada para furgonetas, cun custo de 10,00 € por vehículo.

 

Momento da presentación do "The Wild Fest"
Programación do festival
Programación do festival II
Descargar todas as imaxes