A Pinacoteca expón 29 retratos en miniatura do Legado PolicarpoSanz e Irene de Ceballos restauradas polo Concello
A Pinacoteca Fernández del Riego desprega desde hoxe a exposición “O teu rostro na multitude”, vertebrada ao redor de 29 retratos en miniatura dos séculos XVIII e XIX, que pertencen ao Legado de Policarpo Sanz e Irene de Ceballos, e que foron restauradas, por encargo do Concello, pola experta conservadora Carmen Espinosa Martín. O “rescate”, restauración e exposición das pezas foi posta en valor por Abel Caballero ao inaugurar, cos concelleiros responsables de Cultura, Carmela Silva e Gorka Gómez, a mostra que permanecerá aberta ata o 9 de marzo de 2025.
“Estes días hai unha mobilización e revolución cultural en Vigo”, afirmou este martes Abel Caballero ao inaugurar a mostra de retratos en miniatura “O teu rostro na multitude” que permanece aberta a poucos metros da exposición de arquitectura urbana “TAC!”, ambas no Casco Vello.
O alcalde destacou a transcendencia do Legado de Policarpo Sanz e Irene de Ceballos, da restauración polo Concello das 29 obras que integran a exposición, así como da iniciativa de “ensinar” á cidade unhas obras que mostran a importancia do retrato en miniatura en Francia durante os séculos XVII e XIX e que pertencen ao patrimonio cultural de Vigo pola vocación coleccionista de Irene de Ceballos.
Caballero chamou á cidadanía a visitar e “experimentar” os “marabillosos obxectos artísticos” expostos na Pinacoteca Fernández del Riego, marcados polo detallismo de cada unha das miniaturas, algunhas realizadas cun único pelo de pincel. “É unha pintura dunha sensibilidade extrema”, asegurou.
O alcalde felicitou tanto ao director do Museo Quiñones de León, José Ballesta, como ao conservadora xefe do Museo Lázaro Galdiano de Madrid que restaurou e catalogou as 29 obras, Carmen Espinosa Martín, polo “arduo traballo” que realizaron para poñer ao dispor da cidadanía unha exposición de gran calidade. “Estamos ante un conxunto de pezas moi significativas”, incidiu.