A novena vasoira de platino volve acreditar a Vigo como "a cidade máis limpa de España"
Nove vasoiras de platino, conseguidas ininterrompidamente desde 2008 en todas as edicións deste premio de ámbito nacional, acreditan a Vigo como “a cidade máis limpa de España”. Así o asegurou hoxe Abel Caballero ante unha representación dos equipos humanos e técnicos que cada día realizan a limpeza da cidade.
O alcalde explicou este luns que á novena vasoira de platino súmase este ano a mención especial concedida pola organización do premio, a Asociación Técnica para a Xestión de Residuos e Medio Ambiente, por “os novos servizos de recollida e limpeza viaria para facer unha cidade cento por cento selectiva”.
O servizo de limpeza de Vigo atende un total de 2.303 quilómetros de rúas, das que 1.634 están no ámbito rural; ademais, dá servizo a unha poboación de 300.000 habitantes e recolle anualmente máis de 119.000 toneladas de residuos, segundo apuntou este luns o rexedor.
O Concello de Vigo, nos anos 2023 e 2024 continuou realizando melloras. Incorporou á flota sete máquinas e dez carros de limpeza cento por cento eléctricos, así como un novo vehículo eléctrico para recoller residuos electrónicos a demanda; outros 3 alimentados con gas natural e un furgón lavapapeleiras. A todos estes recursos súmanse os 9.000 contedores repartidos por toda a cidade.
Abel Caballero destacou a instalación de 1.000 novos contedores orgánicos que se activan coa tarxeta PassVigo; ademais dos 309 novos depósitos para recoller aceite alimentario e 309 para roupa e calzado. Engade a isto a entrega de 1.000 composteiros e o reforzo na recollida porta a porta de cartón.
O rexedor lembrou que os puntos limpos reforzaranse con novas instalacións na Praza da Independencia e na rúa Martín Echegaray, entre outros. Apuntou que, nestes momentos, está empregándose un novo sistema de limpeza nas paredes dos túneles e que se realizar unha “limpeza excepcional” de praias por medios mecánicos e naturais.