Abel Caballero: “O vindeiro luns saen á venda as reservas para o concerto de Luis Fonsi”
O Concello amplía os horario de venda para unha maior axilidade e facilidade da cidadanía, establecéndose de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 horas. O rexedor confirmou que as entradas para a actuación de Dani Fernández, o sábado 13 de xullo, “esgotáronse” e “cumpriron o obxectivo de que toda a xente de Vigo que quixo mercalas, conseguiuno”.
O alcalde deu a coñecer hoxe os datos para adquirir as reservas para a platea no concerto de Luis Fonsi na cidade, que se celebrará o martes 23 de xullo.
A venda para o terceiro dos concertos do “Vigo en Festas 2024” terá lugar o vindeiro luns 15 de xullo, seguindo o novo sistema posto en marcha polo Concello de Vigo. Poderanse adquirir un total de 5.000 localidades, 4000 de xeito presencial no Auditorio de Castrelos e 1000 en liña.
Para facilitar o acceso de toda a cidadanía, independentemente do seu horario de traballo, as entradas sairán en dúas quendas (en horario de mañá de 9:00 a 14:00 horas e pola tarde de 16:00 a 21:00 horas). En cada quenda estarán á venda 2000 reservas físicas e 500 de xeito online a través de www.vigoenfestas.cliqueo.es.
Cada persoa poderá retirar 4 reservas nominativas, co que terán que acudir cunha copia do DNI (ou outro documento identificativo) das persoas para as que queira adquirir a reserva. No caso do artista portorriqueño o prezo será de 12€.
Caballero tamén sinalou que as reservas para a actuación de Dani Fernández, esgotáronse no día, logrando que “toda a xente de Vigo que quixese mercala, conseguiuno”.