Escoitar

O bus turístico volve ás rúas de Vigo por Semana Santa

Abel Caballero anunciou que as viaxes comezarán o sábado 23 e se estenderán ata o domingo 31 de marzo. A reserva de billetes pode facerse na web Woutick! ou no propio bus.

mércores, 20 mar 2024

O Concello pon en marcha, un ano máis, o servizo de bus turístico durante esta Semana Santa para que os visitantes poidan coñecer nun percorrido de aproximadamente 90 minutos os puntos máis representativos e emblemáticos de Vigo. Dende o sábado 23 e ata o domingo 31 de marzo os visitantes poderán realizar unha viaxe singular polos recunchos máis característicos da cidade. Dende 2004, este servizo foi empregado por máis de 160.000 viaxeiros. En concreto, o ano pasado, subiron ao bus turístico 8.520 persoas. O bus turístico convértese nun plan idóneo para todo tipo de visitantes pero tamén nunha oportunidade para os cidadáns de Vigo de coñecer a súa cidade dende outra perspectiva e durante a que descubrir espazos que tal vez descoñecía.

Algúns dos puntos máis significativos de Vigo que poderán coñecer durante o percorrido son: diferentes edificios de interese histórico, monumento aos cabalos (Praza España), Monte do Castro, monumento Porta do Atlántico (praza de América), parque de Castrelos, Museo Quiñones de León e os seus xardíns, Estadio de Balaídos, a praia de Samil, a zona de Alcabre, o porto pesqueiro, entre outros. Ademais destes clásicos, os usuarios do turístico poderán ver durante o percorrido a transformación que a cidade experimentou nos últimos tempos cara un modelo máis accesible (ramplas de Gran Vía, ascensores, etc.) e cultural (medianeiras que amosan o arte mural de Vigo).

Reserva de billetes

A adquisición do billete para viaxar a bordo do bus turístico pode realizarse a través de diferentes vías. Os interesados poderán mercar o seu billete online ata unha hora antes da saída do autobús a través da plataforma viguesa de venta de entradas Woutick!. O billete tamén se pode adquirir a pé de bus con tarxeta bancaria a través de TPV ou en efectivo. O prezo do percorrido é de 7,50 euros para os adultos e de 4 euros para os menores de entre 5 e 14 anos. Os menores de 5 anos viaxan gratis.

Horarios

Para mellorar aínda máis a viaxe dos usuarios e con audio guías dispoñibles en 8 idiomas diferentes (español, galego, portugués, francés, alemán, inglés, italiano e ruso). Ademais conta cunha praza para Persoas con Mobilidade Reducida (PMR). O servizo, que funcionará todos os días, contará con dúas saídas pola maña ás 10:00 e 12:00 horas e dúas saídas pola tarde, ás 16:30 e 18:30 horas. O servizo arrinca e remata na Estación Marítima de Vigo.

 

Descargar todas as imaxes