Caballero destaca o valor cultural da mostra "Nanocosmos", aberta na rúa do Príncipe ata o 23 de abril
A cultura volve impregnar a rúa do Príncipe de Vigo coa exposición “Nanocosmos”, que está vertebrada ao redor das 36 fotografías de Michael Benson e foi despregada pola Fundación A Caixa ata o día 23 de abril. Así presentou o alcalde este mércores, coa primeira tenente de Alcaldía, Carmela Silva, e os concelleiros Gorka Gómez e Patricia Iglesias, a mostra que facilita a visión do “invisible” ao ollo humano: as imaxes obtidas con microscopios electrónicos de varrido do Canadian Museum of Nature como os estambres dunha flor.
Abel Caballero asegurou hoxe que Vigo, a cidade da economía, valora as iniciativas culturais como a exposición da Fundación La Caixa “Nanocosmos”, que acolle a rúa do Príncipe ata o 23 de abril, coa que se mostra á cidadanía imaxes da natureza imposibles de observar a primeira ollada, e que son o resultado da fusión entre arte e ciencia executada creador e científico Michael Benson.
O alcalde, tras remarcar a aposta de Vigo pola cultura coa “rede de museos municipais máis importante de España”, e destacar que un médico-científico vigués posúe un dos primeiros microscopios do mundo que foi construído por un dos pais da microbiología, Leeuwenhoek, incidiu en que a exposición forma parte do desenvolvemento cultural da cidade.
Mostra
A exposición “Nanocosmos” está estruturada ao redor das micrografías realizadas polo escritor, artista e cineasta Michael Benson. Trátase dun minucioso traballo realizado coa axuda de microscopios electrónicos de varrido do Canadian Museum of Nature.
A mostra inclúe 36 imaxes en branco e negro que permiten ver a beleza do invisible para o ollo humano: desde as antenas e a espiritrompa dunha bolboreta, ao á dunha libélula, ou os estambres dunha flor.