Escoitar

O Pleno do Consello Municipal da Muller de Vigo reivindica a loita feminista

A sesión plenaria celebrada este venres, 8 de marzo, foi o primeiro dos actos que organiza o Concello esta xornada na que o Halo se iluminará por primeira vez de violeta rendendo “tributo ao movemento feminista e pola igualdade”.

venres, 8 mar 2024
Foto final do Consello Municipal da Muller coas concelleiras e asistentes ao Pleno
Foto final do Consello Municipal da Muller coas concelleiras e asistentes ao Pleno

O Pleno específico do Consello Municipal da Muller celebrouse este venres con motivo da conmemoración do 8 de marzo que este ano se desenvolve na cidade baixo o lema “Libres, fortes e unidas, por ti e por todas”.

O alcalde deu a benvida ás integrantes do Consello da Muller poñendo en valor o seu traballo ao longo de todo o ano e durante tantos anos e salientou a “importancia da conciencia política, tamén na igualdade”. Benvida sexa o día internacional da Muller e esta grande e magnífica revolución do feminismo que xa non pode volver desaparecer nin retroceder”.

Carmela Silva, primeira tenente de Alcaldía e responsable da Área de Igualdade, presidiu a sesión plenaria específica nesta xornada que, dixo, non é de celebración senón de “reivindicación, de loita, de denuncia, de propostas, de ideas e de traballar para construír ese mundo no que as mulleres ocupemos o noso espazo. Somos a metade do mundo”.

No Pleno específico do Consello Municipal da Muller interviñeron seis das entidades que o integran dando lectura a diferentes textos:

- Luz Iglesias, de Viúvas Demócratas: “A situación económica das mulleres. A pobreza e a exclusión social”.

- Purificación Bernárdez Álvarez, da secretaría da muller de CCOO: “A discriminación, a brecha salarial e o acoso laboral”.

- Rosario Otero Rodríguez, da Rede de Mulleres contra os malos tratos: “A violencia de xénero”.

- Ángeles Arias Miño, da Escola de Mulleres Solidarias: “A importancia dunha linguaxe e imaxe non sexista”.

- Carmen Raña Villa, de Mulleres en Igualdade: “Mulleres, dependencia e discapacidade”.

- Luisa Ocampo Pereira de Mulheres Nacionalistas Galegas: “Respostas do movemento feminista contra o patriarcado”

A concelleira de Igualdade, Ana Laura Iglesias, pechou o Pleno trasladando ao Consello da Muller o compromiso do goberno de Vigo de “poñer a axenda feminista no centro da acción política da man do movemento feminista. Pídovos que sigamos sendo reivindicativas creadoras do cambio que rache cunha sociedade androcéntrica. A loita continúa”.

O Halo ilumínase de violeta

O Concello iluminará este venres o ascensor Halo de cor violeta, por primeira vez, rendendo tributo ao movemento feminista e pola igualdade. As luces moradas permanecerán acesas os primeiros 15 minutos de cada hora entre as 20 e as 23 horas.

Foto final do Consello Municipal da Muller coas concelleiras e asistentes ao Pleno
Descargar todas as imaxes