Escoitar

Percorridos medioambientais, hortas urbanas, voluntariado e formación no Camiño a Camiño 2024

Abel Caballero presentou a programación de marzo a xuño, acompañado da concelleira de Medio Ambiente, Nuria Rodríguez, e da Directora de Responsabilidad Social e Comunicación de Vegalsa-Eroski, Gabriela González Márquez.

xoves, 7 mar 2024

O Concello de Vigo presentou esta mañá a programación de educación medioambiental Camiño a Camiño para o período marzo-xuño 2024, no que se combina percorridos medioambientais, con hortas urbanas, voluntariado medioambiental e cursos de formación.

Nesta edición destaca a serie de percorridos arredor dos ríos da provincia de Pontevedra e a espazos singulares próximos a estes, na que se coñecerá sobre o terreo como se conformaron, as principais características dende a perspectiva medioambiental e de interacción humana, así como múltiples curiosidades biolóxicas e históricas. Os tres primeiros itinerarios realizaranse pola Ruta da Auga entre Vigo e o Encoro de Eiras. Deseguido virán os ríos Verdugo, Lérez, Ulla e Lagares. Abel Caballero sinalou que “nos percorridos medioambientais están previstas 10 actividades durante o período que vai do 17 de marzo ao 26 maio”.

Ademais, proseguen as actividades de hortas urbanas e de voluntariado medioambiental, nas que se combina educación ambiental con actividade en cada un dos espazos habilitados polo Concello. O rexedor finalizou sinalando que “Vigo é unha cidade excepcional, xa que temos senda fluvial; temos a ría; temos as Illas Cíes e temos montes nun mesmo territorio”.

Descargar todas as imaxes