Escoitar

Abel Caballero reclama á Xunta de Galicia información sobre o protocolo de actuación ante a eventual chegada de pellets ás praias de Vigo

O rexedor reclama á Xunta información diaria sobre a crise dos pellets e solicita colaboración na prevención porque “na crise da marea plástica a Xunta de Galicia non fixo practicamente nada nas 56 praias de Vigo”. Trasladou o seu agradecemento aos voluntarios.

venres, 12 xan 2024

“Demandamos que colaboren na prevención, porque nestes intres recae no Concello de Vigo sen ningún apoio por parte da Xunta de Galicia” recalcou o rexedor, antes de expor as demandas trasladadas onte nunha carta dirixida ás Consellerías de Medio Ambiente e Pesca.

Nesas misivas “solicitamos coñecer o protocolo de actuación nestes casos”, porque como indicou Caballero “a estas alturas da crise, a Xunta de Galicia, aínda non lle enviou a este Concello o protocolo para saber como actuar ante a eventual inundación de pellets de plástico nas praias da cidade”. Tamén se solicitou un barco de recoñecemento con investigadores da Universidade de Vigo, “que realice inspeccións da ría”; tamén se solicitan dúas brigadas ambientais provistas de aspiradores especiais para recollida “en canto se detecten pellets” e o material necesario para os voluntarios, como luvas e tamizadores manuais.

Abel Caballero tamén incidiu na necesidade de recibir do ente autonómico “medios mecánicos con tamizadores especiais, de 3 milímetros, para filtrar os pellets”. Reafirmou a iniciativa de que “as mostras deben ser analizados polo CSIC, o IEO e a Uvigo”, aclarando que “non nos fiamos da Xunta de Galicia, queremos que científicos renomeados nos indiquen como é o material en canto os seus niveis de contaminación e toxicidade”. A última das reclamacións consiste na posta en coñecemento do Concello de Vigo das “labores de inspección e recoñecemento diarias”, nas que contarán coa colaboración do persoal de inspección ambiental do Concello de Vigo e “información sobre as alertas recibidas a través do 112”, xa que “a Xunta non nos informou de nada en todo este tempo”. “Os areais da cidade están sendo vixiadas de xeito preventivo exclusivamente polo Concello”, indicou Caballero, aclarando que “a Xunta chega, saca fotos e vaise”.


Para rematar, Abel Caballero, trasladou o seu agradecemento os voluntarios que se están pondo en contacto co Concello para librar as praias da invasión de pellets de plástico, “polo momento non os hai nos areais vigueses”, pero a todos os anotados “avisarémolos en canto sea preciso”.

Descargar todas as imaxes