A Corporación dá luz verde á ampliación do prazo para a aprobación provisional do PXOM
O Pleno celebrado este luns aprobou, cos votos favorables do PSOE, a abstención do PP e os votos en contra do BNG, a ampliación en tres meses do prazo dada a imposibilidade de facelo antes por “causas non imputables á tramitación do Concello”.
A concelleira de Urbanismo, María José Caride, expuxo as dificultades do goberno de Vigo para conseguir os informes favorables para a declaración ambiental estratéxica co que se dá o visto bo ao PXOM, que finalmente publicou o Diario Oficial de Galicia o pasado 13 de setembro. Así, especificou que para conseguir os informes favorables de Patrimonio e da Axencia Galega de Infraestruturas “precisamos máis de 12 meses. Foi e viu o informe por tres veces”, pese a que o goberno municipal confiou na “lealdade institucional trasladada” pola Xunta de Galicia.
Tal e como describiu na súa exposición no Pleno, no ano 2019 o Concello deu un paso adiante co Instrumento de Ordenación Provisional grazas ao que se materializaron 780 proxectos; máis do 75% de vivendas unifamiliares nas parroquias viguesas. Para que toda esa actuación continuara vixente, o Concello “tiña o compromiso de conseguir a aprobación provisional nun prazo de tres anos”, algo que non foi posible “por causas alleas ao Concello, non imputables á tramitación do Concello”, polo que o secretario abre a posibilidade ampliar prazos para esa aprobación, “un trámite legal, avalado polo secretario municipal e secretario da Xerencia que reforza as ideas e decisións tomadas xa polo Concello”. Esas decisións van no sentido de valorar que o PXOM do ano 2008 para o solo urbano consolidado, atendendo á lei, “era moito mellor que volver ao do 93”. Con este obxectivo, para cumprir con esta idea, e para dar vixencia ao IOP, proponse ao Pleno unha ampliación de tres meses do prazo de aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal.
O voceiro do Bloque Nacionalista Galego, Xabier Pérez Igrexas, explicou a negativa do seu grupo a apoiar esta ampliación porque “o único que pretende é alargar a vixencia do IOP ao que xa nos opuxemos” e ademais “acolléndonos ás advertencias severas do informe do secretario municipal” no que sinala que esta ampliación pode supoñer o outorgamento de licenzas que “non serán legais” producindo así unha “situación anómala”.
A voceira do PP, Marta Fernández-Tapias, expuxo que se absterían na votación “por responsabilidade”, xa que “Vigo necesita un Plan” e criticou a “incapacidade do goberno municipal para aprobar un PXOM en catro anos”, polo que agora “se dan prazo a si mesmos para salvar a súa incompetencia” utilizando “mecanismos que proporcionan inseguridade xurídica sen dar resposta ás máis de 4.000 alegacións”.
Antes da votación, favorable do grupo socialista, negativa do nacionalista e coa abstención dos populares, a concelleira de Urbanismo rematou a súa intervención lembrando que no ano 2019 o Pleno Municipal xa se pronunciara apoiando que “o Plan do 2008 era moito mellor que volver ao ano 1993 cunha lexislación obsoleta. Vale máis manter a vixencia do IOP para dar seguridade á cidadanía e aos distintos operadores”.