Caballero reclama á Deputación de Pontevedra manter todos os investimentos pactados para Vigo nos últimos 8 anos
O alcalde anuncia a súa man tendida ao goberno do ente provincial, e advirte que irá ao choque político se Luis López Diéguez toma decisións en contra dos intereses de Vigo. Caballero espera que se manteñan os convenios que conlevaron unha transferencia anual de 5 millóns de euros para obras, así como que asuma o convenio que está en vigor para financiar a reforma do estadio de Balaídos.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, remitiu unha carta ao presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López Diéguez, coa que deixa patente a vontade do Concello de continuar coa fluída relación mantida nos últimos 8 anos en favor da cidade e da provincia, á vez que reclama que o novo goberno do ente provincial manteña todos os sistemas de apoio á cidade desenvoltos durante os mandatos de Carmela Silva.
O rexedor anuncia que mantén a súa man tendida para defender os intereses de Vigo e a súa disposición para "recoñecer" o traballo da Deputación, coa advertencia de que se se volve á etapa en que a Deputación marxinaba á cidade está disposto a ir ao "choque político" se é necesario "porque a miña cor política chámase Vigo, como sabe toda España". Recalca que se manterá na defensa de Vigo se se executan accións contrarias a ou agresións contra os intereses da cidade vai seguir "denunciándoas".
O rexedor afirma que "confía e espera" que se manteñan os convenios asinados coa Deputación que conlevaron unha transferencia anual de 5 millóns de euros para obras, así como que asuma o convenio que está en vigor para financiar a reforma do estadio de Balaídos, e iniciar "pronto" a construción da bancada de gol, ademais da continuar con todos os investimentos que son competencia do ente provincial.
Abel Caballero, convencido da transcendencia de manter o "cambio histórico" propiciado polos dous mandatos de Carmela Silvia á fronte da Deputación, que pon en contraste coas presidencias do PP con Rafael Louzán como presidente, "que non destinou un céntimo a Vigo", recalca na carta a necesidade de manter o sistema de financiamento das obras do estadio de Balaidos. Lembra que este contempla que a Deputación asume a metade do custo da reforma, co que se executaron as obras dos marcadores de Marcador, Río e Tribuna durante as presidencias de Carmela Silva.
O alcalde incide en recalcar a vixencia do acordo por que o a Deputación debe asumir os 10 ou 11 millóns do orzamento da bancada de Gol. Avanza o seu desexo de encargar xa o proxecto construtivo, e insta ao López Diéguez a incluír esta partida nos orzamentos de 2024. A lista de reclamacións complétase co mantemento das obras en Vigo que son competencia da Deputación.