O Concello abre en setembro a inscrición nas Escolas Deportivas
As persoas inscritas en anos anteriores poderán facelo a partir de 4 de setembro e os rapaces e rapazas de nova incorporación ao programa deportivo municipal farán a matrícula a partir do 15 de setembro.
O alcalde anunciou que o prazo de inscrición para as Escolas Deportivas comezará o 4 de setembro para os rapaces e rapazas que xa participaron no programa municipal en anos anteriores. As novas inscricións poderán facer a matrícula a partir do 15 de setembro. Ambas as dúas poden facerse de xeito presencial ou telemático.
As Escolas Deportivas teñen un orzamento de case 500.000 euros e permiten a actividade deportiva da mocidade entre os 6 e os 18 anos. O Concello oferta 30 modalidades deportivas nas instalacións deportivas municipais nas que 62 entidades deportivas de Vigo desenvolven a actividade.
Caballero explicou que amais do orzamento, o goberno local subvenciona o prezo da actividade, aportando as familias 6 euros ao mes e 10 desde as arcas municipais.
*No informe que se achega pódese consultar a información completa.