Escoitar

O alcalde inaugura a exposición "Laxeiro, paisaxes de adolescencia"

Acompañado pola tenente de alcalde e delegada da área de Cultura, Carmela Silva, e o director artístico da Fundación Laxeiro, Javier Pérez Buján, visitaron estas obras ás que o público poderá acceder a partir das 18 horas na Casa das Artes.

xoves, 3 ago 2023

Abel Caballero e Carmela Silva visitaron xunto ao director artístico da Fundación Laxeiro, Javier Pérez Buján, a obra de Laxeiro na súa etapa de xuventude. O labor de investigación que a Fundación leva a cabo de forma continuada, posibilita ofrecer ao público estas obras de case cen anos de antigüidade, localizadas en coleccións privadas que, por primeira vez, se mostran en forma de exposición. Para Caballero, a Fundación está a realizar unha excepcional tarefa para dar a coñecer a Laxeiro no mundo.

Laxeiro é un artista que pinta homes e mulleres, tamén animais, pero non é frecuente atopar paisaxes na súa obra. A Laxeiro, como fabulador extraordinario que foi, interésanlle as persoas e os animais, interésanlle os personaxes.

A razón pola que o título desta exposición fai fincapé na idea de adolescencia, é que as obras que a conforman están datadas a finais dos anos vinte e principios dos trinta, cando o pintor tiña entre dezanove e vinte e dous anos. Esa foi unha época de aprendizaxe, non só técnica, senón tamén de aprendizaxe da mirada como elemento constitutivo da personalidade, a partir da que irá xurdindo o que o artista ten que contar, o argumento que conformará a súa personalidade narrativa.

A aprendizaxe está presente nestas fermosas paisaxes, nestes bosquexos nos que o mozo Laxeiro xogaba a capturar o visible na súa contorna inmediata. O interese destas obras non reside tanto na súa orixinalidade ou a súa calidade, como na busca dunha mirada propia que nestes debuxos, seguramente, aínda non atopara.

Trátase de bosquexos temperáns, dos seus anos de barbeiro pintor cando, chegado de Cuba, o rapaz decidira ser artista, aínda sen ter desenvolvido ese proxecto narrativo que, co paso dos anos, sería tan extraordinario e persoal.

Estamos por tanto, ante ensaios de liña, de cor e de composición. Exercicios de selección do encadramento nos que o tema aínda non era unha preocupación e o seu futuro como artista, aínda era unha incógnita, un desexo incerto que o mozo pintor alimentaba de forma autodidacta, cunha vontade inquebrantable.

En 1928 comeza a publicar as súas viñetas na prensa e é posible que fora nese primeiro traballo profesional como artista, onde Laxeiro comezou a albiscar o seu interese narrativo, centrado principalmente no factor humano, plasmado dende esa imaxinación tan arraigada na cultura popular e no pensamento máxico.

Laxeiro, paisaxes de adolescencia quere mostrar a ollada virxe dun mozo aprendiz de artista que, ao longo do século XX mudaría a pintura para sempre.

Descargar todas as imaxes