O Goberno local e AHOSVI cooperarán para seguir mellorando o turismo na cidade
O alcalde mantivo unha xuntanza coa Asociación de Hoteleira de Vigo co obxectivo de colaborar na mellora do sector na cidade, coa idea de seguir adiante co turismo MICE, trasladar información de servizo aos visitantes desde os propios hoteis ou novidades para perfeccionar o Nadal: “Foi a bandeira do turismo en Vigo”, declarou.
Abel Caballero e o sector hoteleiro da cidade mantiveron unha xuntanza para compartir opinións do momento que está a vivir o sector turístico na cidade. Para o alcalde, “estamos nun momento bo, cunha ocupación boa e afluencia positiva e con niveis tamén altos noutras épocas do ano como o Nadal”.
Caballero trasladou á directiva de AHOSVI que o obxectivo e seguir na mesma liña e propuxo unha xuntanza cada dous meses para a análise da situación. Neste primeiro contacto coa estreada dirección, o rexedor trasladou a súa idea de mellorar o Nadal, eliminando os efectos colaterais percibidos anos anteriores como os accesos aos aparcamentos do centro e facelo máis fluído e disuadir vehículos do centro nos momentos de máxima afluencia. Os hoteis cooperarán coa difusión desta información. “O Nadal foi a bandeira do turismo en Vigo”, sentenciou o alcalde.
Amais, para mellorar a atención aos visitantes, os hoteis da cidade trasladarán información de servizo que poidan ser de interese e relevante.
O rexedor e o sector fan unha boa valoración da acción que se está a desenvolver desde o ámbito municipal para o turismo de Vigo, algo que debe servir para potenciar o turismo de congresos: “Temos posibilidades e a realidade é ilimitada”, augura Caballero. Outro punto destacado é Vigo como referente musical, con concertos e no verán cos grandes artistas en Castrelos.