O programa municipal integrado de emprego beneficiará a 100 persoas
A Xunta de Goberno aproba a solicitude de subvención cun importe de 220.000 euros para promover a inserción laboral de persoas desempregadas de baixa cualificación e menores de 30 anos, desempregados de larga duración, mulleres e inmigrantes. O custe total do programa é de 282.000 euros e beneficiará a 100 persoas.
A Xunta de Goberno aprobou a solicitude de subvención para o programa integrado de emprego do Concello para o ano 2023-2024. O investimento no programa é de 282.000 euros, cunha duración de 12 meses e do que poderán beneficiarse 100 persoas.
Segundo explicou o voceiro municipal, Carlos López Font, a previsión é dunha inserción laboral do 45%. O programa está adicado a persoas desempregadas de baixa cualificación, menores de 30 anos, desempregados de larga duración, mulleres e emigrantes. “Dotaremos a usuarios de estratexias, habilidades e destrezas para a busca activa de emprego, incrementando a súa autonomía e motivación”, sinalou.
Os cursos previstos son os seguintes: alfabetización informática, técnicas de busca de emprego eficaz, formación en competencias persoais para o emprego, prevención de riscos laborais, manipulador de alimentos, condución de carretillas elevadoras e cargas, xestión básica de almacén, xestión e control de compras, operacións con plataformas elevadoras, habilidades comerciais, empresas e distintos obradoiros.
Abastecemento no rural
O goberno local aprobou encomendar a Aqualia o proxecto para a conexión de abastecemento de Bembrive cos encoros de Eiras e Zamáns. Segundo explicou o voceiro, “a día de hoxe o subministro faise a través dun depósito coa auga dos manantiais da zona e queremos reforzarlo ante o escenario de cambio climático”. Deste xeito, Carballal, Xestoso, Mosteiro e Eifonso estarán conectados a rede de abastecemento.
VigoZoo
A Xunta de goberno tamén aprobou a licitación do servizo de mantemento e servizos auxiliares de VigoZoo para o período 2023-2025 cun importe de 199.000 euros. Co contrato cúbrese o servizo laboral, mantemento das instalacións, control do público e peche de instalacións.
Escolas infantís
Amais recibiu luz verde o proxecto de modificado das obras de acondicionamento da planta baixa e soto do IME Miguel Servet para a escola infantil municipal de Praza da Industria, que ten un orzamento total de 825.000 euros coa previsión de fin de obra de principios de outubro. O modificado faise preciso dadas as incidencias xurdidas na execución dos traballos de demolición e escavación como a aparición de fendas e fisuras que afectaban a elementos estruturais do inmoble, a corrosión nas vigas, que obrigaron a proceder ao saneado das armaduras afectadas, e ao descubrimento de que parte do saneamento se atopa sobre terreo inestable, polo que se realizará un proceso de compactación.
O Concello conta con 674 prazas nas 9 escolas infantís municipais: Atalaia- Teis (82), Bembrive (82), Bouzas (80), Costeira-Saiáns (72), Mestres Goldar-Castrelos (78), Navia (82), Santa Cristina-Lavadores (76), Tomás Alonso (78), Santa Marta (44) cun orzamento anual de 2 millóns de euros. O voceiro municipal, Carlos López Font, destacou que os servizos prestados son totalmente gratuítos para todos os nenos e nenas: atención educativa, servizo de comedor (almorzo, comida e merenda) e servizo de orientación, xa que os financia o Concello na súa totalidade.