O goberno municipal inicia a campaña de prevención de incendios forestais
A Policía Local contará desde este sábado 1 de xullo con dúas patrullas diarias da sección medioambiental (UMIR) e coa unidade de drons dedicados a vixiar e previr os lumes nos montes da cidade.
Abel Caballero informou do comezo, mañá sábado primeiro de xullo, da campaña especial de prevención de incendios forestais, coincidindo co inicio da época de alto risco de incendios.
Para este servizo, a Policía Local contará a diario con polo menos unha patrulla pola mañá e outra pola tarde, cada unha dotada con dous axentes, ademais da unidade de drons que está conformada por dous axentes, polo que, en total, haberá 6 efectivos dedicados a este servizo.
A UMIR encargarase cada día de comprobar o Índice de Risco Diario de Incendios para determinar o alcance do perigo e o grao de restrición do uso do lume nesa xornada; coordinará actuacións e recibirá alertas dos axentes forestais; patrullará preventivamente en vehículos todoterreo pola zonas rurais e forestais de Vigo e terá presenza en puntos elevados da zona forestal para anticipar a presenza de incendios.
Ademais das dúas patrullas diarias, o servizo conta coa colaboración da Unidade de drons da Policía Local que realizarán voos periódicos de recoñecemento para sumar atención á prevención dos lumes.
O alcalde lembrou as recomendacións da Policía Local para a a a prevención de incendios forestais: non debe utilizarse o lume para a limpeza de leiras nin para a queima de restos agrícolas, non deben estacionarse vehículos co motor quente sobre zonas non asfaltadas, non poden lanzarse cigarros á vía pública nin depositarse botellas ou vidros que poidan iniciar lume creando efecto lupa cos raios do sol e, ante un incendio forestal, a primeira resposta da cidadanía debe ser chamar ao 112 para alertar do mesmo e protexerse do lume.