O Cidade de Vigo de grupos show acollerá a 600 patinadoras e patinadores esta fin de semana nas Travesas
Esta fin de semana regresa o Trofeo Internacional Cidade de Vigo de grupos show ao seu recinto habitual, o Pavillón Central das Travesas. Despois de que en 2022 arrincase de novo trala pandemia, en un formato dun día, a organización recupera a competición en dúas xornadas.
O Club Patín Vagalume, por encargo do Concello a través da Fundación VIDE, organiza un evento que “é un dos referentes da patinaxe en Galicia e España”, dixo Manel Fernández, concelleiro de Deportes, na presentación do campionato en Praza do Rei.
Oito categorías (grupos grandes, pequenos, júnior e promocionais pequenos e grandes, e cuartetos nacionais júnior e sénior e cuartetos promocionais), co patrocinio municipal, de VIDE e de Celtamotor, citaranse en dúas xornadas vespertinas que cada día comezarán co desfile de participantes (16:00 horas) para dar paso á competición (16:30).
“O torneo é un clásico do calendario deportivo e un evento excepcional; cada ano as agrupación presentan coreografías extraordinarias cheas de cor, dinamismo, simbolismo e ilusión”, dixo o edil de Deportes.
Miguel Quereizaeta, presidente do Vagalume, valorou a resposta un ano máis dos clubs de Vigo (Celtamotor Vagalume, Carpa, Indalo, El Olivo e CP Balaídos) en particular e a “masiva presencia de entidades deportivas de toda Galicia e de Portugal”. Nunca houbo tantos grupos e cuartetos lusos, do norte portugués, xunto cos extraordinarios Say Yes, pero tamén de Lisboa por vez primeira.
A competición mobilizará novamente uns 600 patinadoras e patinadores. As entradas custarán 6 euros por xornada ou 10 euros o bono para os dos dous días, cunhas nove horas de patinaxe en total. “Temos moita ilusión polo torneo”, dixo Quereizaeta. Ademais de Galicia e Portugal, entre os trinta e oito clubs inscritos figura representación de Baleares e Cataluña. O trofeo comezou en 2016.