O "clásico" Gran Premio Ciclista de Teis dispútase este domingo 2 de xullo
A proba, que volve puntual á súa cita co barrio o primeiro domingo de xullo, tomará as arterias principais de Teis desde as 10:30 horas da mañá, como ocorre dende 2019 para as categorías de base.
“É un clásico da temporada viguesa e galega”, explicou Manel Fernández, concelleiro de Deportes, durante a presentación da proba este mércores no Concello, subliñando “o relevante que é no calendario galego”. Comezou no ano 1992 e só se cancelou no ano 2020.
O presidente do club, José Antonio Ramos, indicou que o percorrido, con saída e meta na rúa Sanjurjo Badía, fronte ao mercado de Teis, é “un dos mellores circuítos urbanos de Galicia, ou o mellor”. Serán 2,2 km que tras deixar Sanjurjo Badías van por Enrique Lorenzo, avenida de Guixar e Xulián Estévez.
A coincidencia co Campionato de España escolar vai restar algunha participación (de feito, dúas corredoras infantís do CC Teis, Antía Torres e Tania Rodríguez, compiten en Cartaxena) nesta “carreira rápida”, como a definiu Ramos. Os alevín darán dúas voltas ao circuíto, por catro a categoría infantil e nove a cadete. Promesas e principiantes farán unha xincana e darán a Volta ao Mercado.
O presidente da Galega de Ciclismo, Carlos Muñiz, agradeceu ao Concello a súa aposta polo deporte e recoñeceu o “esforzo do CC Teis e do seu presidente polo seu bo facer, esforzo e ilusión”.
O Club Ciclista Vigués, a “marea amarela” como a definiu Muñiz, conta cuns oitenta corredores entre as categorías de formación e escolas e os Máster sénior e cicloturistas.