O alcalde reúnese co reitor da Universidade de Vigo
Abel Caballero e Manuel Reigosa mantiveron un encontro este martes no Concello para abordar a cesión do edificio Siemens da ETEA ou o uso das aulas do Auditorio Mar de Vigo.
Na xuntanza, na que participou tamén Belén Rubio, vicerreitora de Investigación, tratáronse cuestións de relevancia que afectan a ámbalas institucións. Sobre a cesión do edificio Siemens da ETEA, propiedade de Zona Franca, a decisión é firme pero o ente debe estudar o procedemento para poder realizar a cesión con tódalas garantías.
En segundo lugar, a Universidade trasladoulle ao Concello a súa vontade de usar as aulas do Auditorio Mar de Vigo e o alcalde non soamente ve posible compatibilizar esta utilización coa UNED senón que ademais valora a presenza da Universidad no edificio.
Por último, Caballero e Reigosa falaron sobre a necesidade de realizar unha mellora no edificio da Facultade de Comercio para dotala dunha saída de emerxencia. Para isto será preciso tramitar as pertinentes autorizacións municipais e autonómicas, amais de conseguir o financiamento que permita sufragar a obra. O alcalde trasladoulle ao reitor o seu total apoio á Facultade de Comercio, tamén o económico, para unha obra que ten un orzamento estimado de entre 130 e 140.000 euros.