Escoitar

O Concello prorroga o contrato da produción técnica dos concertos de Castrelos

A Xunta de Goberno aprobou a prórroga do contrato da produción técnica dos espectáculos e actividades do programa “Vigo en Festas”, que inclúe principalmente os concertos de Castrelos. O alcalde tamén deu conta das axudas municipais á contratación para o fomento do emprego.

venres, 26 mai 2023

Abel Caballero deu conta da prórroga aprobada na Xunta de Goberno do contrato da produción técnica dos espectáculos e actividades do programa “Vigo en Festas”. O rexedor explicou que, principalmente, é para os concertos de Castrelos. Tamén están incluídos espazos en diferentes localizacións, ademais dos servizos de ambulancias.

O alcalde lembrou que ata o de agora o Concello contratou para o verán de 2023 a Andrés Calamaro (8 xullo), David Bisbal (15 xullo), Pablo López (24 xullo), Alejandro Sanz (27 xullo), Coral Casablanca (29 xullo), Beret (5 agosto), Bad Gyal (10 agosto), Ana Mena (15 agosto) e David Guetta (20 agosto).

Tamén Castrelos acollerá os espectáculos infantís de Pinocho (12 xullo), A Ratita Presumida (19 xullo), A Rayuela (26 xullo), O libro da selva, a aventura de Mowgli (2 agosto) e Tarzán, o musical (9 agosto)

Emprego

Caballero tamén deu conta da aprobación das axudas municipais á contratación de traballadoras e traballadores para fomentar o emprego desde o Concello. Os solicitantes poderán optar en tres modalidades: incentivos para a transformación de contratos temporais en indefinidos; incentivos para a contratación indefinida de persoas traballadoras en situación de desemprego; incentivos para a mellora da estabilidade laboral, co aumento da xornada o ampliar os meses de traballo no caso de ter un contrato fixo-discontinuo.

Convenio O Marisquiño

Noutro orden de cousas, o alcalde informou en rolda de prensa da sinatura do convenio coa Deputación de Pontevedra para o financiamento do Marisquiño. Ambas as dúas institucións financiarán o 100% do festival.

Descargar todas as imaxes