O Concello aproba a normalización de fincas no Barrio do Cura, paso previo á concesión das licenzas de obra
A Xunta de Goberno Local deu luz verde tamén á contratación das obras de humanización da rúa Teixugueiras, entre Lamelas e o acceso peonil ao barrio e Navia desde a VG-20.
O alcalde informou este xoves en rolda de prensa da aprobación definitiva do proxecto de normalización de fincas no ámbito de solo urbano consolidado do Barrio do Cura. Unha vez rematado o período de información pública e de presentación de alegacións, procédese á aprobación definitiva, paso previo para poder conceder licenzas de obra no Barrio do Cura
Este proceso de normalización de fincas permitirá ampliar a rúa Llorente e a rúa Santa Marta e crear unha gran praza pública no Barrio do Cura
Humanización Teixugueiras
A Xunta de Goberno Local aprobou este xoves a contratación das obras para a execución do proxecto de humanización da rúa Teixugueiras entre a rúa Lamelas e o acceso peonil ao barrio de Navia desde a VG-20, que ten un orzamento de 2.679.000 euros e un prazo estimado de execución de 9 meses.
O proxecto recolle a retirada do mobiliario existente na rúa, a demolición de beirarrúas e de pavimentos, a renovación de colectores, novas redes de saneamento e fecais, así como pluviais, canalización das redes de iluminación pública e semaforización. Amais instalarase nova pavimentación e beirarrúas con melloras para os peóns, mantendo dous carrís en cada sentido de circulación. As zonas axardinadas dotaranse con novas redes de rega, haberá nova iluminación pública e semáforos mellorando a iluminación nos pasos de peóns e instalando nova sinalización. Como elementos decorativos haberá novas esculturas e como elemento singular un tótem interactivo.
Instalación céspede artificial As Travesas
Abel Caballero deu conta tamén da aprobación do proxecto básico e de execución da renovación da superficie de céspede artificial no terreo de xogo do complexo deportivo As Travesas, que ten un importe de 380.000 euros, coa previsión de que estea operativo no novo curso.
A actuación desenvólvese no campo de uso mixto fútbol-hóckey que, coa remodelación, alcanzará as certificacións FIFA Quality Prol e FIH MULTISPORT Categoría 3, posibilitanto o uso habitual como campo de fútbol e resultando compatible con uso hóckey en niveis de iniciación-formación e afeccionado. O proxecto contempla a renovación da rede de recollida de augas pluviais e a renovación integral do circuíto de rega.