Escoitar

“O mar habitado” homenaxea á xente de Vigo en Martín Echegaray

A humanización da avenida de Castelao contempla a instalación dunha escultura de Eva López Tarrío que quedou descuberta este xoves, día no que comeza a funcionar a rampla mecánica da rúa Carral. A rotonda de Olímpicos e Pablo Iglesias lucirá tamén unha escultura de homenaxe ao Celta de Vigo e a súa afección.

xoves, 25 mai 2023
Imaxe da escultura "O mar habitado"
Imaxe da escultura "O mar habitado"

“O mar habitado”, a obra da escultura viguesa e profesora do IES de Valadares, Eva López Tarrío, loce desde hoxe na confluencia da rúa Martín Echegaray con Avenida de Castelao.

A peza é unha homenaxe á xente de Vigo, non só aos mariñeiros, senón tamén ás familias, aos que están no mar e ás familias que quedan esperando en terra a que regresen do mar. Esta escultura, realizada en aceiro naval, é unha peza que reclama unha homenaxe aos invisibles, ás almas daqueles que habitan no interior do monumento do barco de Alfageme a través das siluetas inspiradas nos debuxos de Castelao.

Amais, este xoves quedou instalada unha placa en homenaxe aos mariñeiros falecidos no Villa de Pitanxo.

Convenio coa Deputación para homenaxear ao Celta e a súa afección

A Xunta de Goberno aprobou este xoves o convenio entre a Deputación Provincial de Pontevedra e o Concello de Vigo para a elaboración, doazón e instalación dun conxunto escultórico en homenaxe ao Real Club Celta de Vigo e a súa afección.

Trátase dun dolmen que leva o escudo do Celta e a silueta de dous xogadores na parte dianteira, e na traseira, as siluetas de catro persoas simbolizando a afección. A obra foi realizada pola Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra e será instalada na rotonda na que conflúen as rúas Alexandre Bóveda, Olímpicos e Pablo Iglesias, nas inmediacións do Estadio Municipal de Balaídos.

Aberta a rampla mecánica de Carral

Desde este xoves está en funcionamento a rampla mecánica da rúa Carral, que completa a humanización da Porta do Sol e que atopa continuidade vertical coas escaleiras mecánicas de Segunda República.

A rampla ten unha lonxitude de 27 metros, salva unha altura de 5 metros con cubrición de pórticos metálicos e vidros e incorpora vexetación na parte alta e nos laterais.

Imaxe da escultura "O mar habitado"
Placa homenaxe aos mariñeiros falecidos no Villa de Pitanxo
Descargar todas as imaxes