O Concello adxudica as ramplas que unirán Ramón Nieto co centro de saúde de Lavadores
A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación das ramplas de Ramón Nieto ata o centro de saúde e o colexio Fonte Escura. Trátase dunha actuación cofinanciada co Goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia dotado cos fondos europeos Next Generation EU. O Concello tamén aprobou a recepción dos fondos europeos para o desenvolvemento da rehabilitación do Pazo da Raposeira.
Abel Caballero deu conta da adxudicación das obras para a instalación das ramplas mecánicas desde Ramón Nieto ao centro de saúde de Lavadores e o colexio Fonte Escura. O importe da obra, que inclúe tamén a humanización da zona, é de 1.814.000 euros, dos cales 1.350.000 apórtaos o Goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia dotados cos fondos europeos Next Generation EU.
O proxecto contempla as actuacións necesarias para rehabilitar e renovar a contorna urbana do centro de saúde de Lavadores e o Colexio Fonte Escura, entre a Avenida Ramón Nieto e Travesía de Barreiro. A rampla salvará unha pendente duns 11 metros nunha lonxitude de 40 metros, en tres tramos, que conforman un corredor mecánico que facilitará o desprazamento da cidadanía ao centro sanitario. “O acceso ten unha pendente media do 9% e algúns tramos do 12%”, explicou o alcalde. A instalacións das ramplas vén acompañada da humanización da contorna creando novos espazos mediante a ordenación viaria e a renovación dos servizos urbanos: abastecemento, saneamento e alumeado. A obra contempla a renovación do saneamento, unha nova rede de pluviais, mellora da eficiencia enerxética, instalación de puntos de luz con tecnoloxía led, novos pavimentos, mobiliario e espazos verdes. Amais, o alcalde sinalou que se executará unha zona estancial para descanso e goce da cidadanía.
Pazo da Raposeira
A Xunta de Goberno tamén aprobou a recepción dos fondos europeos Next Generation EU para acometer a rehabilitación do Pazo da Raposeira. Trátase dun investimento de 1.850.000 euros dos cales 1.500.000 apórtaos o Goberno de España a través do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliciencia. A obra deberá estar rematada o 30 de setembro de 2024.
Tal e como explicou o alcalde, as actuacións inclúen a mellora da envolvente térmica coa substitución das carpinterías exteriores, a eliminación de elementos estruturais non conformes introducidos en actuacións recentes, a restitución da estrutura do teito e do piso superior en mal estado, a limpeza dos revestimentos das paredes e solos da capela mediante a creación dun novo pavimento de pedra, o saneamento e limpeza da fábrica de granito existente e unha mellora da accesibilidade. Ademais, está prevista a rehabilitación das edificacións exteriores (palleira, crucería, estanque, mesas, columnas), así como a recuperación do xardín francés e o saneamento e limpeza do muro exterior de peche da parcela.