Escoitar

As mulleres beneficiarias do proxecto "Abeiro" completarán a súa formación con prácticas en centros e residencias da cidade

O concelleiro de Promoción Económica e Emprego, Lois Pérez Castrillo, ven de asinar convenios de colaboración con diferentes centros e residencias que traballan con persoas da terceira idade e con enfermos mentais no sector de servicios de atención as persoas, co obxecto de que cincuenta e catro mulleres das que participan no proxecto "Abeiro" fagan as súas prácticas profesionais.

xoves, 18 set 2003
Estas mulleres desempregadas, despois de ter recibido a formación teórica, realizarán prácticas da súa especialidade nos devanditos centros e organismos durante un total de 300 horas no caso de "Axuda a domicilio" e "Auxiliar de servicios comunitarios", e de 40 horas no de "Servicios comunitarios en saúde mental e discapacidade" .

Os centros de educación especial "Saladino Cortizo" e "Menela", a Asociación de familiares de enfermos de alzheimer de Galicia (AFAGA), a Asociación de pais de minusválidos da provincia de Pontevedra (APAMP), e as residencias da terceira idade "Virgen de Guadalupe", "Moledo" e "El Pinar" son algúns dos sitios onde as beneficiarias de "Abeiro" entrarán en contacto co ambiente real de traballo.

O proxecto "Abeiro" é unha iniciativa que, subvencionada polo Fondo Social Europeo con 625.000 €, está a desenvolver a Concellería de Promoción Económica e Emprego co obxecto de capacitar profesionalmente a mulleres desempregadas, para acadar a súa inserción laboral no sector de servicios de atención a persoas con especiais dificultades, como é o colectivo da terceira idade e dos enfermos mentais.