Escoitar

O Concello e Caixa Galicia asinan un convenio de colaboración para a World Fishing

O Alcalde de Vigo, Ventura Pérez Mariño, e o director xeral de Caixa Galicia, José Luis Méndez, asinaron un convenio de colaboración para financiar os gastos derivados dos actos que o Concello porá en marcha a propósito da Feira Mundial da Pesca. A entidade financieira destinará 60.000 euros ao programa de actividades co que o Concello se suma á organización dun acontecemento social e económico tan importante para Vigo.

mércores, 17 set 2003
Trala sinatura, Pérez Mariño agradeceulle ao director xeral de forma persoal e no nome de toda a cidade o seu apoio. Segundo o rexidor municipal, a participación de entidades financieiras como Caixa Galicia son as que fan posible organizar eventos de tanta trascendencia como a World Fishing Exhibition. Asemade, o rexidor vigués destacou a boa disposición coa que José Luis Méndez atendeu a súa petición.

Pola súa banda, o director xeral de Caixa Galicia agradeceu as verbas do rexidor vigués e a oportunidade que se lle brindaba para colaborar coa cidade e con un evento de tanta importancia para Vigo e para Galicia como a Exposición Mundial de Pesca da que Caixa Galicia é a entidade financeira oficial. José Luis Méndez resaltou, unha vez máis, a vocación marítima da entidade e a participación activa que Caixa Galicia ten no sector pesqueiro galego coa participación accionarial en empresas e, a través da financiación de proxectos pesqueiros por máis de 300 millóns de euros.

Este convenio de colaboración súmase a outro asinado recentemente con outra entidade financieira, polo que finalmente o Concello recibirá un total de 120.000 euros para sufragar os actos relacionados coa Feira. Segundo explicou Pérez Mariño, rematado o evento, o Concello dará conta dos gastos e os investimentos realizados con motivo deste importante acontecemento á cidadanía e ás entidades colaboradoras.