Escoitar

O novo proxecto da Porta do Sol facilitará no futuro a execución do túnel ata Torrecedeira

A Xunta de Goberno Local vén de aprobar un modificado do proxecto de soterramento do tráfico rodado en Porta do Sol e da humanización da actual rede viaria por un importe de 3.201.000 euros.

xoves, 9 mar 2023
O rexedor comparece en rolda de prensa
O rexedor comparece en rolda de prensa

O alcalde explicou que o novo proxecto para a Porta do Sol “prepara todo Elduayen para que non saian os túneles” nesa rúa, ante a futura execución da continuidade do túnel ata Torrecedeira.

O proxecto inicial contemplaba dúas bocas de entrada e saída do túnel en Elduayen pero como, previsiblemente no futuro non haberá saída nesa rúa, cómpre cambiar o micropilotado previsto levándoo aos extremos para que esa zona siga sendo túnel.

Tal e como explicou Abel Caballero, na Porta do Sol o novo proxecto prescinde de “tódolos elementos permanentes” previstos no orixinal, como é o caso das xardineiras. “Agora entendemos como funciona a praza da Porta do Sol na que onte mesmo houbo unha grande concentración”, igual que aconteceu o día do concerto de Tanxugueiras e como ocorrerá o día da Reconquista, citou “e temos que cambiar a forma de entendelo. Todo o que estea na Porta do Sol ten que ser retirable. Poñeremos árbores pero en macetas que se poidan retirar e bancos que tamén poidan ser levantados” cando sexa preciso, sinalou.

No caso da conservación dos restos da Muralla atopados en Carral, o cambio no proxecto contempla o axuste das rasantes da saída para evitar problemas de gálibos.

Para o rexedor, estes cambios, que teñen un importe de 3,2 millóns de euros, supoñerán “un aforro moi importante cando avancemos co túnel porque se continuamos como estaba previsto, habería que tiralo todo ao executar a continuación do túnel”. Deste xeito agora queda preparado para a futura construción.

A humanización da Porta do Sol ten un orzamento de 17 millóns de euros, unha obra cofinanciada con Fondos Feder da UE dentro do proxecto Edusi-Vigo Vertical.

O rexedor comparece en rolda de prensa
Descargar todas as imaxes