Escoitar

“Nin un paso atrás nos nosos dereitos”, o lema do Concello para conmemorar o 8M

O Pleno Específico do Consello Municipal da Muller celebrouse este mércores no Salón de Plenos coa intervención de oito das entidades que o conforman, unha das actividades incluídas no programa do Día Internacional da Muller en Vigo.

mércores, 8 mar 2023

O goberno municipal desenvolve estes días un “amplo conxunto de actos para celebrar o 8 de marzo baixo o lema “Nin un paso atrás nos nosos dereitos”.

Ás 10 da mañá tivo lugar o Pleno específico do Consello Municipal da Muller, presidido pola concelleira de Igualdade, Uxía Blanco, e no que interviñeron oito das asociacións e grupos que constitúen o Consello. Deron lectura a textos de creación propia sobre diferentes aspectos do feminismo e a muller.

No comezo da sesión plenaria, o alcalde referiuse á “revolución da igualdade das mulleres, de ocupar o espazo na sociedade con toda a forza e tódolos dereitos” e, sobre a violencia de xénero sinalou que “cómpre traballar de forma máis intensa se cadra e temos que permanecer moi atentos porque a historia demostra que se avanza e que se retrocede”, referíndose a algunhas forzas políticas que supoñen “ameazas latentes e visibles”.

Ademais, o Concello iluminará de violeta as fontes e a pérgola de Praza América e o lazo violeta lucirá nun banner da web municipal redireccionando á programación municipal do 8M. A bandeira do 8M lucirá no Concello durante toda esta semana e, amais, nas pantallas electrónicas da cidade proxectarase a programación municipal e os autobuses urbanos van rotulados hoxe con motivo desta efeméride.

O programa municipal de actos do 8M continúa ata o sábado 18 de marzo. Mañá xoves, día 9, recital aberto de poesía de xénero da man de Iolanda Zúñiga ás 19 horas na Casa Galega da Cultura. O venres, día 10, o Consello da Muller entrega o XI Premio de Igualdade Ernestina Otero, ás 22 horas no Hotel Coia. A premiada este ano é a maxistrada Paz Filgueira. O sábado 11 de marzo, visita guiada “Sons de Mujeres” a cargo de María Casar, con saída desde o Paseo de Alfonso, actividade que se enmarca no propósito de feminizar a cidade.

O programa do 8M inclúe a proxección de dous filmes no Auditorio Municipal: o martes 14, “A voda de Rosa” de Icíar Bollaín (20h) e o mércores 15, “Retrato dunha muller en chamas” de Céline Sciamma (20h). O xoves 16 de marzo, teatro no Auditorio municipal: “As que limpan”, creación da Panadería coproducida polo Centro Dramático Nacional. A programación finaliza o sábado 18 de marzo coa actuación do grupo “Habelas Hainas” ás 20 horas no Marco.

 

Descargar todas as imaxes