O Concello destina 365.000 euros para a autoxestión dos centros educativos
A Xunta de Goberno Local vén de aprobar a partida para a xestión directa polos Consellos Escolares do mantemento ordinario dos centros públicos de educación infantil e primaria para o ano 2023.
O alcalde puxo en valor a partida de 365.000 euros anuais para este fin, unha cantidade “que damos ás direccións dos centros para obras menores que realizan eles”, e que se incrementou un 24% con respecto ao ano anterior, porque “queremos que teñan máis recursos para esas obras que xorden de forma continua”.
Amais quedaron aprobados os proxectos para o saneamento e abastecemento da rúa Marcelo Currás (A Salgueira) na que había roturas que precisaban ser reparadas e o proxecto da renovación do abastecemento na rúa Toledo na que moitas das tubaxes xa superaron a súa vida útil.
A Xunta de Goberno Local deu luz verde tamén á prórroga do contrato do servizo de limpeza e pequeno mantemento da Escola Municipal de Artes e Oficios por un importe de 85.680 euros. Abel Caballero explicou na rolda de prensa deste martes que a formación na escola é totalmente gratuíta para o alumnado e que ten un orzamento de 1,2 millóns de euros neste 2023.
O goberno municipal aprobou tamén o convenio “moi significativo e interesante” de colaboración con Down Vigo para a execución do proxecto “Móvome: Autonomía persoal, habilidades sociais e coñecemento da contorna”, cun orzamento de 6.500 euros anuais durante tres anos. Quedou aprobado tamén o expediente de contratación dos servizos de seguridade e vixilancia en CEDRO e os demais centros municipais de Servizos Sociais (Coia, Rivera Atienza, Teis e Casco Vello por un importe anual de 105.429 euros. O Concello dedícalle a CEDRO 1.600.000 euros, “unha actividade sanitaria que cobre na súa meirande parte o Concello de Vigo, cando é competencia da Xunta de Galicia”, rexeitou.