Escoitar

Representacións históricas, música na rúa e mercado na “gran celebración” da Reconquista de Vigo

O alcalde presentou en rolda de prensa xunto a Pepe Fumega, presidente da Asociación Veciñal e Cultural do Casco Vello, as principais propostas do programa da festa da Reconquista, que se desenvolve desde o 25 de marzo e ata o 2 de abril.

luns, 6 mar 2023
Abel Caballero e Pepe Fumega, presidente da Asociación Veciñal e Cultural do Casco Vello, durante a presentación
Abel Caballero e Pepe Fumega, presidente da Asociación Veciñal e Cultural do Casco Vello, durante a presentación

A Festa da Reconquista de Vigo deste ano 2023 ofrecerá oito días de actividades para todos os públicos, desde o sábado 25 de marzo ao domingo 2 de abril: “unha romaría urbana; unha romaría tradicional que funciona de forma excepcional. Vai ser unha gran celebración”, avanzou Abel Caballero durante a presentación en rolda de prensa da programación do evento.

A celebración comeza o sábado 25 de marzo cun concerto inaugural a cargo da Orquestra Xuvenil KV2211 na Concatedral e, pola tarde, a Praza do Berbés acolle a representación da destitución do alcalde Cairo, pro Napoleón, seguida de actuacións musicais.

O domingo 26 de marzo, ás 12 horas recréase a saída do exército napoleónico polas rúas de Vigo, poderá gozarse do espectáculo de danzas do mundo e baile tradicional no Berbés e da música de bandas de gaitas na Pedra.

O luns 27 de marzo a Porta do Sol acollerá un ensaio xeral da representación da Reconquista; o martes 28 de marzo, ás 12 horas, o Concello organiza un acto de homenaxe aos Heroes da Reconquista na Praza da Independencia e, ás 17 horas no Berbés, celébrese a Foliada popular da Reconquista con case unha vintena de grupos confirmados. Haberá regueifas na Praza Eduardo Chao, pandeiretas en Praza da Pedra e música tradicional na Porta do Sol.

O mércores 29 de marzo, o Berbés acollerá un obradoiro de Treboada Tradicional a cargo de Oli Xiráldez; na Casa Galega da Cultura desenvólvese unha charla sobre o comandante Chalot da man de Ricardo Troncoso e ás 20 horas, novo ensaio xeral en Porta do Sol.

O xoves 30 de marzo é a quen dos centros escolares coa Reconquistiña infantil, que inclúe un desfile pola cidade do alumnado con punto final no Berbés, con chocolatada e concerto infantil do grupo Migallas. A xornada rematará cun concerto do Orfeón Mariñeiro do Berbés ás 21 horas na Praza da Princesa.

A fin de semana das principais celebracións comeza o venres 31 de marzo, ás 19 horas, coa inauguración do mercado tradicional no Berbés, haberá actuacións de grupos tradicionais polas rúas e prazas do Casco Vello e ademais, “torreiro aberto” en Porta do Sol, Eduardo Chao, Praza dos Ratos, Misericordia, A Pedra, O Berbés e Porta do Sol.

O sábado, 1 de abril, desenvolveranse actuacións de grupos tradicionais por rúas e barrios desde as 12 da mañá. A partir das 17 horas, representación do asalto ao carro de subministros no Berbés; ás 19 horas, recreación da detención de franciscanos en Porta do Sol e no torreiro infantil, situado no Berbés, haberá xogos, espectáculo de Barafunda Animación e contacontos onde tamén haberá música ao longo de toda a xornada. Os torreiros do Casco Vello acollerán m tradicional e actuacións infantís.

O domingo, 2 de abril, os actos comezan ás 11:30 horas coa saída de peixeiras e verduleiras desde a Praza da Igrexa, desde onte tamén sae ás 12 horas a milicia honrada, que entrará ás 17 horas da tarde en Porta do Sol. Ás 12 sae tamén da Praza dos Ratos o exército napoleónico. A representación da Reconquista da Vila de Vigo comeza ás 18 horas na Porta do Sol onde se despedirá a festa con música en directo a partir das 20:30 horas.

Pepe Fumega destacou os concertos na Porta do Sol pola noite, o valor do torreiros no Casco Vello (Chao, A Pedra, Os Ratos, O Berbés), as actuacións nas rúas do Casco Vello e o mercado da festa, que abre o venres 31 e remata o domingo, logo da expulsión dos franceses da cidade. O alcalde agradeceulle o “traballo espléndido” que realizan para poder desenvolver a festa á que o Concello “practicamente duplicou o orzamento este ano”.

Descargar todas as imaxes