O rexedor sinala a Vigo como "a cidade do automóbil”
A 32ª edición do Salón do automóbil e a motocicleta de Vigo celebrarase no IFEVI do 8 ao 12 de marzo.
O rexedor vigués participou esta mañá na rolda de prensa de presentación do evento para este 2023. Trátase da maior exposición comercial de motor de toda Galicia, logrando reunir unha vez máis aos principais concesionarios da comarca, para ofrecer nun mesmo espazo todo tipo de vehículos.
Contará cunha exposición duns 20.000 m² con 35 marcas de coches dispoñibles e unhas 25 de motos, convertendo o salón nunha cita imprescindible para todos aqueles que estean a pensar en renovar o seu vehículo. A maiores, os visitantes contarán á súa disposición unha rede de profesionais que axudarán aos indecisos a resolver as súas dúbidas sobre cal é o modelo que máis lles convén. Novamente existe un gran protagonismo das motos, que unha edición máis continúan ocupando un pavillón propio.
Complementarase coa mellor oferta de entretemento da súa historia. Entre as exposicións destacan unha réplica exacta do Red Bull de Fórmula 1 de Max Verstappen en 2022.Tamén as motos de Joan Mir de 2020 (Team Suzuki Moto GP); a Yamaha de Valentino Rossi de 2017 ou a Repsol Fonda de Marc Márquez de 2018. Complementa a mostra unha colección de monos, cascos e luvas dos pilotos máis importantes do mundo de F1 e Moto GP.
Súmanse ás actividades os simuladores que ofrecerá aos asistentes a posibilidade de correr nun Fórmula 1 a tamaño real, ademais de 8 simuladores de condución de Fórmula 1 e Rally cunha gran variedade de circuítos.