Escoitar

Abel Caballero di que exportará o Torneo Concello de Vigo de fútbol base, non competitivo, por medio da FEMP: “É integrador e solidario”

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou o Trofeo Concello de Vigo de fútbol base, acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, e por Belarmino Alonso, “Milucho”, coordinador do programa, José Luis Rolo (organización), Daniel Costas (Balaídos CF) e Juan Antonio Bar (Arenas de Alcabre).

xoves, 2 feb 2023

Dende o 11 de febreiro ata o 27 de maio, uns 250 nenas e nenos citaranse cada sábado no campo municipal Armando Cajaraville de Samil para xogar en varias quendas partidos de fútbol 8, que se poden converter en fútbol 7 ou fútbol 9 dependendo do número de xogadores presentes. “É unha idea integradora e solidaria: non hai suplentes e os clubs se ceden xogadores”, explicou o rexedor.

Non hai resultados, nin se contan os goles nin hai árbitros e o Concello entrega medallas a todos os inscritos na xornada final. “É un torneo que vou exportar a través da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP). Non hai outro igual e trátase de divertirse, de pasalo ben xogando ao fútbol”, manifestou o alcalde.

O céspede de herba sintética do Cajaraville converterase os sábados en catro campos despois de tres anos sen esta acción municipal pola pandemia. “Tiñamos unha singular demanda dos clubs para retomalo e este é o momento”, apuntou Caballero, que anunciou que o evento, para nenas e nenos de entre 5 e 11 anos, recibirá tamén a equipos doutros municipios. Na tempada inacabada 19/20 houbo vinte e catro clubs participantes.

Participan os oito clubs de fútbol adscritos ao programa municipal de escolas deportivas (Alertanavia, Arenas de Alcabre, Balaídos CF, San Roque Casablanca, Independiente CF, UD Santa Mariña e Vigo 2015), pero ademais tamén inscribiranse outras entidades deportivas de Vigo e de municipios como O Porriño, A Guarda, Tui, Ponteareas ou As Neves, como sucedeu antes do peche por coronavirus.

O xefe do goberno municipal sinalou tamén que polos partidos dos sábados en Samil pasaron tamén xogadores agora moi coñecidos do fútbol nacional ou internacional: Thiago Alcántara (Liverpool FC), Rafinha (Al-Arabi SC), Rodrigo (Leeds United), Yelko Pino (Pontevedra CF), Jonathan Pereira (Nástic de Tarragona), Rubén Blanco (Olympique de Marsella) ou Brais Méndez (Real Sociedad).

Descargar todas as imaxes