Escoitar

Abel Caballero: “Vigo está no mellor momento da súa historia”

O alcalde fixo balance do ano 2022 no que destacou o investimento de 218 millóns de euros en 229 obras para continuar coa “transformación da cidade” “Puxemos a Vigo no mapa e damos pasos nesa dirección”. Caballero tamén subliñou a importancia de ter institucións colaboradoras como o Goberno de España, a Deputación de Pontevedra e a Zona Franca.

xoves, 29 dec 2022

No ano 2022 o goberno de Vigo realizou un investimento de 218 millóns de euros en 229 obras “nunca na historia desta cidade sucedeu nada parecido”. Para seguir a transformación da cidade, o goberno municipal aprobou en 2022 27 obras por un importe de 100 millóns de euros, que se ampliaron no mes de febreiro cun crédito extraordinario de 45,8 millóns de euros para acometer 65 obras, ás que compre sumar as 63 incluídas no orzamento por valor de 33,8 millóns de euros. Tamén se suman do crédito extraordinario, aprobado en novembro, 38 obras por importe de 32,8 millóns.

Caballero citou algunhas das obras destacadas: a Porta do Sol, “facendo a praza que nunca tivemos en Vigo”, a Vía Verde aproveitando a vía do tren para facer un “paseo marabilloso”, a “transformación histórica” do Paseo de Bouzas, as ramplas da Gran Vía, a estrada Porto en Beade-Valadares, a humanización de Gregorio Espino ou Martínez Garrido. Amais de humanizacións no rural: Foxos (Teis), Rosal Florido (Lavadores), Subida Relfas (Sárdoma), Camiño da Pomba e Estrada do Freixo (Valadares), Torneiro en Valadares, Praza da Feira de Cabral, Rúa Subride (Lavadores), Costa da Gándara (Beade), Severino Cobas (Lavadores), Estrada do Porto (Beade), Penís (Cabral), Párroco Don Serafín (Teis), Cantabria (Teis), Fonte Escura (Lavadores), Sabaxáns (Lavadores), Sampaio de Abaixo (Sampaio), Parrocha (Bembrive), Besada (Candeán), Vista do Mar (San Xoán), Pousa (Castrelos), Camiño Couto (Beade), Rioboo (Salgueira), Baixada Salgueira (Salgueira), Fuchiños (Oia), José Rivas (Coruxo), Caringosta (Alcabre), San Paio (Navia), San Xurxo (Saiáns), Calexón Campana, Toural de Dentro, Trobos, Oliveira, Gondosende, Baixada a Ríos, Travesía Chané e Travesía Guixar (Teis).

O programa municipal de mobilidade Vigo Vertical suma este ano á “gran modernización” proxectos como o HALO que está en construción, as Ramplas da Gran Vía Fase II, a rampla de Carral a Porta do Sol, o ascensor de Praza da Estación a Vía Norte, as ramplas en Escultor Gregorio Fernández, as ramplas do Centro de Saúde de Lavadores, as do Centro de Saúde de Teis, a rampla mecánica entre Ramón Nieto e o Colexio Losada, o ascensor e rampla mecánica entre Travesía e Aragón, a escaleira mecánica na rúa Talude, así como a rampla en Serafín Avendaño, a conexión entre Romil e Hispanidade e a conexión de Camelias con Hispanidade; todos proxectos que están en marcha.

O alcalde destacou amais “toda a gran acción de Vialia”, o edificio, os accesos coa apertura do túnel de Lepanto, a reforma e humanización da praza da Estación e de Baixada á estación coa reconstrución da fachada da estación antiga xerando un novo miradoiro e ampliando Urzáiz e a posta en servizo da nova praza de Vialia con 20.000 metros cadrados de uso público, que pasará a titularidade do Concello coa sinatura próxima do convenio. A aprobación do Barrio do Cura e o proxecto de urbanización do mesmo é outro dos avances que destaca o alcalde como “unha transformación inmensa extraordinaria” e o novo paso elevado sobre a AP9 para conectar Canadelo e a rúa Navarra.

No ámbito urbanístico, destaca o avance na tramitación do PXOM co fin da exposición pública na que se presentaron o 5% de alegacións presentadas ao Plan de 2008, sinalando a ampla aceptación social deste documento. Ao tempo, o Concello traballa na obtención de fondos Next Generation para a mellora da eficiencia enerxética, por exemplo, para os edificios residenciais de 12 barrios de Vigo: Casco Vello, Bouzas, Santa Clara, Coia, Beiramar, Espiñeiro-Teis, San Pablo, San Roque e Coia, Fenosa, Salgueira, Gorxal e a contorna discontinua de Canicouva-Alcalde Lavadores-Escolas Públicas co fin de “atender a zonas da cidade que precisan apoio para a mellora das edificacións. Son áreas nas que viven miles de viguesas e vigueses e que nunca antes tiveran estas axudas”, sinala o alcalde.

Deportes

En Deportes, o balance feito polo alcalde destaca os novos pavillóns deportivos de Romil, Quirós e Balaídos; a atención aos 40 campos de fútbol da cidade coas últimas actuacións en Fragoselo, O Vao ou San Miguel de Oia. Desenvolvemento de programas como a Vigo Cup, a Liga de Natación Escolar, Torneo de Tenis de Mesa, Torneo Baloncesto 3x3, Torneo Nadal de Fútbol, Circuíto Run Run Vigo de atletismo e carreiras populares, Atletismo en pista, Trofeos e torneos da cidade en ximnasia, patinaxe, fútbol sala, hóckey, esgrima, natación, loita, a celebración da San Silvestre, axudas a máis de 220 entidades deportivas, clubs de elite, entidades sen ánimo de lucro e deporte base: “axudas como nunca se deron en volume e tamaño”, sinala Caballero, que engade tamén a a grada de Marcador de Balaídos, “unha obra colosal financiada por Concello e Deputación sin que a Xunta de Galicia poña nin un céntimo”.

Na área de Medio Ambiente, destacou o rexedor o proxecto transformación Vigo-Zoo en parque de educación ambiental e de lecer no que o Concello traballa desde hai anos, a ampliación das zonas dunares Vao – Baluarte e Samil e as 14 bandeiras azuis (11 praias e 3 sendeiros).

Benestar Social

Na Política Social, o Concello está desenvolvendo novas infraestruturas para atender á cidadanía: a construción do Centro de Formación para persoas en risco de exclusión, a reforma integral do Centro de Servizos Sociais de praza Princesa. Amais, a mellora do Servizo de Axuda no Fogar con novos servizos (podólogo, psicólogo e salón de peiteado) a 1.300 persoas; o incremento e mellora do servizo de Teleasistencia con 1.000 usuarios; o novo programa de envellecemento activo con máis de 5.000 prazas; a creación do Mapa da Soidade e o Plan estratéxico de atención ás persoas maiores; o programa de Nadal Inclusivo para persoas con discapacidade. A dedicación económica a todos os comedores sociais da cidade e ao albergue que ten un orzamento de 1,4 millóns de euros por parte do Concello.

Turismo

“Vigo converteuse nunha das grandes cidades turísticas de Europa grazas ao Nadal”, apuntou Abel Caballero en rolda de prensa, cunha “marca turística mundial”, o que supón a creación de emprego e a chegada de recursos grazas á acción propia do Concello. “Todo o mundo en España quere ser Vigo agora”.

Entre as accións desenvolvidas ao longo deste ano apuntou a dinamización do Aeroporto de Vigo mediante concurso público, a nova oficina de información turística en López de Neira, a promoción das Illas Cíes, a difusión da historia e cultura da cidade a través de visitas caracterizadas gratuítas ao cemiterio de Pereiró, a promoción mediante a presentación na Feira de FITUR na caseta de Turespaña; os campamentos de Verán con case 4.000 prazas, as actividades de dinamización infantil na casa da Xuventude, Coia, Coruxo, Lavadores e APAMP con 11.160 usuarios. Para a xuventude, a renovación de material en Vigosónico e servizo a 420 grupos musicais ou un curso de emprendemento musical con atención a 65 grupos para a súa xestión económica. Amais, preto de 4.000 persoas navegaron na ría de Vigo para o coñecemento fauna mariña.

Educación

No ámbito educativo, destacou o alcalde as axudas a libros de texto por importe de 5,2 millóns para máis de 25.000 familias para axudalas neste contexto económico difícil por mor da inflación. A gratuidade total das escolas infantís, incluído comedor, “pagado polo Concello de Vigo” cunha dedicación anual de 2,3 millóns de euros. Amais, este ano efectuáronse tres edicións do programa de inmersión lingüística Vigo en Inglés para 2.500 nenos e nenas por un importe de 5,2 millóns de euros. O Concello traballa tamén no mantemento de centros públicos de Educación Infantil e Primaria cunha dedicación de 7 millóns de euros e está a desenvolver proxectos como a nova Escola Municipal Infantil en Praza da Industria, a cubrición de patios por valor de 1,46 millóns: este ano Balaídos e Pintor Laxeiro e o Frián- Teis e Villa Laura en marcha. No caso das pistas polideportivas, o goberno municipal mellorou as de Coutada Beade, Celso Emilio Ferreiro, Fleming, Chouzo e Sobreira Valadares

Comercio, Festas e Parques e Xardíns

Un dos eidos do balance do alcalde foi o alcance do Nadal, unha acción de apoio ao comercio, tal e como definiu. A isto súmanse outras festas como a Reconquista, tamén e a modernización e transformación que terá o Mercado de Teis.

O Concello sumou este ano as festas de todas ás parroquias ás de Vigo e triplicou o seu orzamento. Tamén se recuperou o entroido e quixo subliñar a importancia do Nadal como “o fenómeno máis extraordinario de festa, ilusión e agrado que houbo nunca en ningunha cidade do mundo”, tamén cualificou de xeitoso a edición de O Marisquiño e os “inigualables” concertos de Castrelos.

Caballero tamén puxo de manifesto que o Concello plantou 3.000 árbores nos montes de Vigo ao longo de 2022. Tamén o fixéronse os proxectos dos parques infantís Camilo José Cela e o Berbés.

Patrimonio Histórico e Cultura

“Estamos convertendo Vigo nunha das grandes cidades do mundo de arte na rúa”, afirmou o alcalde, que lembrou que xa está en marcha o programa de murais, con 14 novos, e que xa suman 150 pinturas polas rúas da cidade. Outras das accións a destacar é a recuperación e musealización da Fortaleza de O Castro e o Pazo da Raposeira.

O alcalde fixo fincapé no éxito “excepcional” do programa VigoCultura e as exposicións do MARCO, “un referente da arte contemporánea e o museo máis importante de Galicia”. No ámbito da cultura quixo destacar a acción das dúas orquestras sinfónicas da cidade, a 430 e a Clásica, as 9 bandas de música e máis de 40 corais polifónicas, co financiamento exclusivo do Concello de Vigo.

Facenda e Emprego

Abel Caballero subliñou a importancia de ter aprobado o 16º orzamento consecutivo porque “é a estabilidade política e coñecer o que vai acontecer”. O orzamento de Vigo no 2023 é de 292 millóns de euros, e poderá chegar ata os 385 cos fondos europeos e a suma dos remanentes, o que supón o orzamento máis alto nunca aprobado.

O alcalde tamén lembrou que a cidade conxelou os imposto fai catro anos, “o que implica una redución das taxas do 17% que é o que foi a inflación”, a débeda 0, o pago a provedores no entorno dos 8 días e “a presión fiscal máis baixa de Galicia”.

Tamén expuxo os plans de emprego e formación, como o programa de Cooperación, o Vigo Capacita e o Vigo pola Inserción Laboral, ademais do Vigo Emprende, as axudas á creación e contratación de empresas, o fomento do emprego para entidades sen ánimo de lucro e o voluntariado.

Igualdade e Normalización Lingüística

O Concello adica á loita contra a violencia machista 1.500.000 euros ao ano. Deste xeito, o rexedor dixo que están a funcionar os Puntos Lila no Nadal e no Verán, que se están a facer programas coeducativos en centros de ensino e a atención que se fai desde o Concello ás mulleres vítimas da violencia de género.

En canto a normalización lingüística o alcalde destacou as actividades lúdicas e formativas para todos os públicos, así como os libro de toponimia, esta vez sobre Valadares.

Colaboración institucional

Abel Caballero concluíu “co apoio impresionante do Goberno de España” e enumerou os proxectos adxudicados dos fondos europeos Next Generation EU do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia: ramplas de Gran Vía, HALO, a vía verde, rehabilitación de vivendas, modernización do mercado de Teis, pazo de Raposeira, mellora da actividade comercial en Bouzas e Teis, o centro de promoción enogastronómico, as ramplas de Escultor Gregorio Fernández, a axenda urbana, mupis e sinalización dixital, fortaleza de O Castro, a mellora de biodiversidade en Cíes e actuacións en materia de biorresiduos. A isto quixo lembrar os PERTEs do Naval e a Automoción, sectores fundamentais na economía de Vigo.

O alcalde tamén agradeceu publicamente a colaboración institucional coa Deputación de Pontevedra “que cada ano adica millóns a Vigo, o que corresponde”, e a Zona Franca “cunha inversión en Vigo do que non hai escrito”.

Marca Vigo

“Puxemos a Vigo no mapa, agora unha cidade con notoriedade, e seguiremos traballando nesa dirección”, declarou Caballero, que explicou como Vigo “ten marca internacional, á altura de Madrid e Barcelona e aí está Vigo. Entre toda a cidade fixemos que ocupemos o lugar que nos corresponde”.

O alcalde concluíu a súa intervención afirmando que o ano 2022 foi o mellor ano desde o municipal para Vigo e vaticinou que o 2023 será aínda mellor.

 

Descargar todas as imaxes