Escoitar

Vigo demanda á Xunta un plan de choque para mellorar a calidade asistencial na área sanitaria

O Pleno Municipal aprobou a moción presentada polo grupo socialista, co apoio dos grupos da oposición, agás o PP que votou en contra. Quedou aprobada tamén a moción do concelleiro non adscrito en favor do benestar animal na cidade.

mércores, 28 dec 2022
A Corporación Municipal gardou un minuto de silencio en recordo das vítimas do accidente de autobús en Cerdedo-Cotobade
A Corporación Municipal gardou un minuto de silencio en recordo das vítimas do accidente de autobús en Cerdedo-Cotobade

A Corporación de Vigo insta á Consellería de Sanidade á adopción inmediata dun plan de choque que mellore a cidade asistencial na área sanitaria viguesa dotándoa de medios económicos, materiais e humanos, ante a deficiente asistencia sanitaria que vén prestando.

O voceiro socialista Carlos López Font expuxo neste último Pleno de 2023 que “a xestión sanitaria en Galicia é nefasta. É o que di a xente na rúa e agora tamén o din os médicos”, apoiándose nas “reiteradas denuncias de usuarios e profesionais”.

A moción recolle a “urxencia” de adoptar medidas de carácter orzamentario e de dotacións de medios humanos con boas condicións de traballo “pero que se cumpran”, logo da denuncia do Colexio Oficial de Médicos da provincia de Pontevedra que recolle o incumprimento da Consellería de Sanidade do documento pactado en novembro de 2019.

Benestar animal

A sesión plenaria deu luz verde, co apoio do Grupo mixto e a abstención dos socialistas e dos populares, á moción do concelleiro non adscrito en favor do benestar animal na cidade. Xabier Pérez Igrexas expuxo a necesidade de que se adopten varias medidas para avanzar nunha cidade “máis sustentable” e que permita situar a Vigo “na vangarda do benestar animal, despregando máis medios e recursos a esta finalidade” co compromiso firme de que se configure como unha “cidade libre de maltrato animal”.

Descargar todas as imaxes