Escoitar

O Pleno solicita á Xunta o financiamento do albergue municipal

A moción presentada polo Grupo Municipal Socialista considera que debe facelo no exercicio das competencias que lle son propias. Tamén saíu adiante seguir con atención as demandas da automoción viguesa co PERTE do automóbil e solicitar a rede de moi alta tensión.

mércores, 28 dec 2022

O Grupo Municipal Socialista sacou adiante a moción presentada pola edil de Benestar Social, Yolanda Aguiar, coa que insta á Xunta de Galicia a asumir o financiamento íntegro do albergue municipal de Vigo, no exercicio das competencias que lle son propias.

A concelleira reprochou que os datos de persoas sen fogar non deixaron de empeorar en Galicia durante o mandato do Partido Popular, sobre todo por un problema estrutural de acceso a unha vivenda digna e prezo asequible.

Aguiar explicou no pleno que o goberno autonómico non está a ofrecer alternativas públicas, máis ben a potenciar a súa privatización, ao contrario de Vigo que ten un albergue municipal. “O Concello de Vigo foi pioneiro en atención ás persoas sen fogar, co proxecto do albergue desde 2012 e tantas outras accións”, lembrou.

O goberno local inviste 1,4 millóns na acción do albergue e o mantemento das instalacións. A edil aproveitou o seu tempo para exixir á Xunta financiamento cos fondos europeos REACT-EU, cos que só financiou ata agora centros privados. “Nin un só céntimo para o albergue de Vigo”.

PERTE automóbil

Tamén saiu adiante a moción do Grupo Popular co seu voto favorable e 22 abstencións para instar ao Goberno de España a atender as demandas da industria da automoción co PERTE do automóbil e incluír na planificación da Rede Eléctrica de España para 2021-2026 a conexión de Vigo á rede de moi alta tensión.

Descargar todas as imaxes