A cidade manterá a ocupación hoteleira no 95% durante toda a semana
Este luns os hoteis de Vigo rozaron o cheo, cunha afluencia de persoas e vehículos en Vigo de récord. Onte entraron na cidade case 53.000 vehículos, 1.000 máis que o 17 de decembro, que xa fora unha cifra histórica. O Concello aplicará o plan de mobilidade para os días de máxima afluencia.
Abel Caballero cualificou de “insólito” o luns 26 de decembro na cidade, que acadou unha ocupación hoteleira do 95% e onde a afluencia de persoas e vehículos era notable. A sala de tráfico municipal rexistrou a entrada de 53.000 vehículos na cidade, sendo así un récord histórico.
“Esta demanda trasladouse a cafeterías, bares, restaurantes, comercios... Vigo é unha cidade referente en toda España e Europa, estamos a ese nivel”, dixo o rexedor en rolda de prensa.
O goberno local seguirá a aplicar o plan de mobilidade para días de máxima afluencia, cun reforzo da policía e restricións ao centro do tráfico rodado a partir das 17:30. “Os aparcamentos disuasorios de Samil están a funcionar”, animou o rexedor aos visitantes a utilizalos e logo coller o transporte público.